Sánchez Palomino: “Os dicionarios bilingües contribúen de maneira significativa á normalización lingüística”

A catedrática de Filoloxía Románica da Universidade da Coruña ingresou hoxe como membro de número da Real Academia Galega cun discurso no que reflexiona sobre a lexicografía nas academias e a necesidade dunha lexicografía académica bilingüe

A nova académica, María Dolores Sánchez Palomino, dando o seu discurso de ingreso na RAG.
photo_camera A nova académica, María Dolores Sánchez Palomino, dando o seu discurso de ingreso na RAG.

A catedrática de Filoloxía Románica da Universidade da Coruña María Dolores Sánchez Palomino (San Vicente de la Barquera, 1961) ingresou este mediodía na Real Academia Galega como membro de número nunha sesión extraordinaria pública celebrada na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña. A filóloga, directora do novo dicionario castelán-galego que a RAG ofrecerá proximamente en liña, defendeu na súa intervención a necesidade de que as academias aposten polos repertorios bilingües que cumpren, salientou, unha función comunicativa, social e cultural, ao tempo que participan na conformación e difusión da norma lingüística. Deulle resposta en nome da institución o coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González, quen afirmou que a nova académica “vai ser un esteo fundamental no traballo lexicográfico da Academia”.

“Xunto á misión de estabelecer a variedade estándar dunha lingua, as academias teñen outra moi importante: a de procurar a normalización lingüística, e os dicionarios bilingües contribúen de maneira significativa ao cumprimento desta misión”, advertiu M.ª Dolores Sánchez Palomino no discurso titulado Ten sentido unha lexicografía académica bilingüe? [De lexicografía e Academias]. “A lexicografía bilingüe non debería ser descoidada polos organismos académicos, en particular por aqueles que se encargan de linguas inmersas en procesos de estandarización e normalización. A Real Academia Galega non o fixo e consideramos que este feito debe ser recoñecido como unha achega moi valiosa da institución”, concluíu.

 

Filla de pai cántabro e nai andaluza, M.ª Dolores Sánchez Palomino viviu en Cantabria ata os sete anos de idade, cando se estabeleceu coa familia na Coruña. Licenciada en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora pola mesma institución, está especializada nos campos da lexicoloxía, terminoloxía e lexicografía, e tamén traballou na lingüística románica, a historiografía lingüística e cos textos medievais. Creou e dirixiu a Rede de Lexicografía RELEX desde o ano 2012 ata o 2018 e ten unha ampla experiencia en proxectos internacionais como a Cost Action European Network of e-Lexicography (ENeL). Foi igualmente investigadora responsable de numerosos proxectos de investigación e na actualidade codirixe o Dicionario histórico e etimolóxico da lingua galega (DHELG). Foi vicepresidenta da Asociación de Tradutores Galegos (2003-2011) e verteu ao galego desde diferentes linguas textos científicos, técnicos, didácticos e literarios, así como textos para os medios audiovisuais.

A súa colaboración co Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega remóntase ao ano 1990 e desde 2004 realízaa en calidade de membro correspondente da institución. Participou na elaboración do Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa), o Dicionario da lingua galega (1990) e o Dicionario da Real Academia Galega (1997), e foi unha das redactoras principais do Dicionario da Real Academia Galega actual, dispoñible en versión dixital desde 2012. Así mesmo é membro do Seminario de Terminoloxía e secretaria do Seminario de Lexicografía.

Ademais de implicarse decote na revisión e actualización do dicionario en liña, dirixe os traballos que permitirán ofrecer na Rede proximamente o novo dicionario castelán-galego. Esta ferramenta non será unha mera revisión e publicación dixital do Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega, saído do prelo en 2004, subliñá no discurso pronunciado hoxe, dispoñible na sección de publicacións de academia.gal. O novo repertorio “responde plenamente aos criterios da lexicografía bilingüe actual, respectando aqueles trazos que veñen sendo tradicionais e moi positivos da lexicografía académica galega”, resume a académica. “Hoxe esíxeselles aos dicionarios bilingües unha reflexión sobre a macroestrutura semellante á que se realiza para os monolingües e unha microestrutura igualmente completa”, detalla.

Canto ás cifras, esta obra contará cuns 26 400 lemas (uns 800 máis dos do dicionario bilingüe de 2004), 54 300 acepcións (unhas 6700 máis) e 6000 unidades pluriverbais que incrementan en máis de 700 as que había no seu predecesor.

Lembranza de Andrés Fernández-Albalat

M.ª Dolores Sánchez Palomino ocupará a vacante producida tras o pasamento do arquitecto coruñés Andrés Fernández-Albalat Lois (1924 - 2019). A el dedicou as súas primeiras palabras na sesión de ingreso, nas que lembrou as principais achegas de quen foi “un referente da arquitectura galega contemporánea”.

Tras a súa intervención, o coordinador dos seminarios de Lexicografía e Terminoloxía, o académico numerario Manuel González González, deulle resposta en nome da institución. “Hoxe é un día de festa para a RAG porque se vincula non só de facto, senón tamén de iure ao traballo da RAG unha nova académica, cunha sólida formación e cunha demostrada capacidade de traballo, nun ámbito en que a nosa institución está necesitada de reforzos urxentes. Vai ser un esteo fundamental no traballo lexicográfico da RAG”, declarou. A sesión pública de recepción de María Dolores Sánchez Palomino como membro de número da Academia desenvolveuse no salón de actos da institución, na rúa Tabernas da Coruña, e contou co apoio do Concello da Coruña.

Comentarios