María Dolores Sánchez ingresa este sábado na RAG como membro de número

A catedrática de Filoloxía Románica da Universidade da Coruña María Dolores Sánchez Palomino ingresará este sábado 17 de decembro na Real Academia Galega como membro de número. A filóloga, membro correspondente da institución dende 2004, conta cunha frutífera traxectoria recoñecida a nivel internacional nos campos da lexicografía, lexicoloxía e terminoloxía. 
María Dolores Sánchez Palomino.
photo_camera María Dolores Sánchez Palomino.

María Dolores Sánchez Palomino ingresará este sábado, día 17, na Real Academia Galega (RAG) como membro de número, segundo informa a institución académica.

A catedrática de Filoloxía Románica da UDC, investigadora de prestixio internacional no ámbito da lexicografía, é membro correspondente da RAG desde 2004 e dirixe na actualidade a revisión e actualización do dicionario bilingüe castelán-galego, que estará dispoñible proximamente en liña.

A filóloga pronunciará o discurso 'Ten sentido unha lexicografía académica bilingüe?', ao que lle dará resposta en nome da Academia o director do Seminario de Lexicografía, Manuel González.

 

A académica electa ocupará a cadeira vacante tras o pasamento do arquitecto Andrés Fernández-Albalat nunha sesión extraordinaria pública que terá lugar a partir das 12:30 horas no salón de actos da Academia (rúa Tabernas, 11 – A Coruña), e que poderá seguirse tamén en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da institución. Tras a lectura do seu discurso, daralle resposta en nome da RAG o coordinador dos seminarios de Lexicografía e Terminoloxía, Manuel González González. A celebración conta co apoio do Concello da Coruña.

Ademais de dirixir o novo dicionario bilingüe da RAG, María Dolores Sánchez Palomino codirixe o Dicionario histórico e etimolóxico da lingua galega, o primeiro deste tipo co que contará o galego, estivo á fronte de numerosos proxecto de investigación e foi a creadora e directora da Rede de Lexicografía RELEX, que uniu oito grupos das universidades galegas e outros seis de distintas universidades españolas e estranxeiras. É ademais investigadora asociada do Centre de Recherche Bretonne et Celtique da Université de Bretagne Occidentale e coordina o grupo de investigación Estudos románicos e comparados (Romanycom) da Universidade da Coruña.

A tradución é outro dos campos que cultivou na súa traxectoria. Foi vicepresidenta da Asociación de Tradutores Galegos (2003-2011) e verteu ao galego desde o castelán, o catalán, o francés ou o italiano libros de texto, artigos científicos, obras de literatura infantil  e xuvenil e capítulos de series de TVE. Tamén ten realizado tradución inversa cara ao francés. Foi ademais coordinadora lingüística de textos de ensino primario e secundario en galego en Edicións SM.

Como docente universitaria, María Dolores Sánchez Palomino imparte docencia de grao, mestrado e programas de doutoramento na UDC e tamén no European Master of Lexicography, EMLex, mestrado internacional con mención Erasmus Mundos do que forma parte a Universidade de Santiago de Compostela.

Comentarios