Máis

San Salvador de Lourenzá

O templo é unha xoia da arquitectura barroca
San Salvador de Lourenzá Dixital
photo_camera O mosteiro de San Salvador localízase na parroquia de Santa María, en Lourenzá (A Mariña). / Antonio Herrera

O barroco constitúe un dos períodos artísticos máis brillantes da arte galega. Durante os séculos XVII e XVIII, a arquitectura relixiosa converteuse nun dos máximos expoñentes desta corrente.

Un dos mellores exemplos da arte barroca é o mosteiro de San Salvador de Lourenzá. A obra foi promovida no ano 969 polo conde Osorio Gutiérrez. Hoxe apenas se conservan restos da construción orixinal.

O aspecto actual do templo data do século XVII, cando Juan Villanueva executou un ambicioso proxecto orientado a dotar o mosteiro dun claustro. No século XVIII levantouse a igrexa de Santa María. Durante ese período destacou o traballo de Fernando de Casas Novoa, que se encargou da construción da fachada barroca.

A portada está flanqueada por dúas torres, austeras no aspecto decorativo, e divídese en tres niveis verticais.

O primeiro corpo presenta catro columnas de orde xónica, dúas a cada lado da porta. Nos intercolumnios localízanse tres esculturas: San Bieito e Santa Escolástica nos espazos laterais e Asunción sobre a porta. No segundo nivel existe un van limitado por columnas de orde corintia no que se atopa a figura de San Salvador. O terceiro está formado por unha xanela rectangular con frontón curvo e columnas nos dous flancos.

O conxunto constitúe unha mostra moi representativa da arte barroca. A exhibición de boato e a profusa decoración son dous trazos inconfundíbeis da arquitectura barroca. Os saíntes pronunciados e as cornixas contribúen a xerar o efecto do claroscuro, técnica arquitectónica que potencia certos elementos mediante o contraste de volumes. En síntese, o conxunto suxire movemento e dinamismo, en contraposición ao estatismo da época do Renacemento.

En 1835 o mosteiro quedou abandonado e se desaloxou a biblioteca. Ademais sufriu un fogo en 1878. En 1910 volveu estar ocupado por unha orde de monxes, que permaneceu alí até a década de 1940. Actualmente a casa do Concello de Lourenzá sitúase a carón do mosteiro, formando un ángulo recto coa fachada.

Comentarios