As salas de música piden maior compromiso das administracións públicas

Desenvolveron máis de 4000 concertos ao longo do ano.
Actuación de Mondra na sala Rebullón de Mos.
photo_camera Actuación de Mondra na sala Rebullón de Mos.

A Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, Clubtura, que aglutina ao sector na Galiza, remata un ano de intenso traballo que arrancaba oficialmente para os seus perto de 40 membros o pasado mes de febreiro, coa súa asamblea xeral, resultado da cal xurdía unha nova directiva, encargada de representar ao sector até 2025.

Con decembro a punto de pechar a súa derradeira páxina, as salas de concertos galegas repasan un ano no que desenvolveron máis de 4000 concertos en todo o país.

O noso labor como garantes do acceso á cultura é fundamental nunha comunidade como a nosa", apunta Marcos Vázquez, presidente da entidade, "porque dispersión poboacional e os problemas de comunicación entre núcleos fan especialmente relevante contar con espazos para que a música en directo sexa accesíbel a todos e todas". 

Programación durante todo o ano

Desde Clubtura fan especial fincapé na necesidade dun maior compromiso co sector por parte das administración públicas, especialmente das administracións locais. "Moitos concellos parecen esquecer que somos as salas de concertos as que permitimos aos músicos locais desenvolver a súa arte, as que programamos de forma constante e as que achegamos ao crecemento non estacional dentro dos municipios", apunta Vázquez, "botamos en falta un maior compromiso, un apoio e un recoñecemento ao sector nese sentido". 

A directiva das salas galegas móstrase decidida e enfocada de cara ao 2024. "Temos por diante un ano de importantes retos, e sabemos que non será sinxelo, pero compre abordalo con ilusión e con perspectiva. É necesario mellorar a interacción coas administracións públicas e sermos capaces de chegar dunha forma máis eficiente ao público, para que coñeza toda a programación, variada e atractiva, que as salas galegas desenvolven doce meses ao ano". 

Comentarios