Alberto Sacido estrea en Compostela o documental sobre Suso de Toro

O Teatro Principal acolle a presentación de 'Suso. Fóra de lugar'
Suso de Toro (Foto: Distrito Xermar).
photo_camera Suso de Toro (Foto: Distrito Xermar).

O Teatro Principal será o escenario esta cuarta feira da presentación do documental Suso. Fóra de lugar, un filme de Alberto Sacido no que o escritor Suso de Toro revisa o seu camiño nas marxes, nunha conversa constante que o leva a revisitar os seus inicios, os seus modelos e proxectos literarios, os obstáculos na súa carreira, a súa militancia política, e o abandono e posterior regreso á súa profesión de escritor. 

Despois de sete anos de traballo, este documental ve por fin a luz. Unha peza audiovisual que non só fai un repaso pola vida do escritor compostelán, senón que ademais presenta o encontro con 26 persoas e colectivos cos que Suso de Toro compartiu as conversas que van construíndo Suso. Fóra de lugar, e que reflexionan sobre o seu traballo, a súa vida e as dificultades de ser escritor galego, tanto dentro como fóra de Galiza. 

Esta é a segunda longametraxe na que participa Alberto Sacido, que en 2014 presentou Unitarias, un documental que reconstrúe a historia das escolas do rural da Galiza a través da vida do seu pai, un mestre que empezou traballando nestas escolas nos anos 60. 

A produción de Suso. Fóra de lugar contou co apoio de Culturactiva S. Coop., a entidade que proveeu de recursos e asistencia técnica para facer posíbel a súa realización. A coprodución é de Danga Danga e a postprodución de Arraianos. 

Esta primeira presentación de Suso. Fóra de lugar realizarase na cuarta feira, 17 de abril, ás 20.30 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela. O documental presentarase en Outes (comarca de Noia), o sábado 27 de abril, en Ribeira (O Barbanza) o 4 de maio; o 11 de maio en Betanzos (As Mariñas) e o día 24 en Cedeira (Ferrolterra). 

Comentarios