Contracultura

Sabela Olivares: "No disco, queríamos mostrar que a gaita pode adaptarse a outros estilos e culturas"

Sabela Olivares compón e toca a gaita en Boroa, o grupo que integra xunto con Suso Bello (guitarrista e o outro compositor) e Alberto Millán (baixista) e co que vén de publicar o seu primeiro disco, O Clásico Fol. 
Sabela Olivares é cantante e toca a gaita, a pandeireta e o piano (Foto: Nós Diario).
photo_camera Sabela Olivares é cantante e toca a gaita, a pandeireta e o piano (Foto: Nós Diario).

O son de Boroa xira arredor da gaita, mais neste primeiro disco xa deixan claro que non é un instrumento ligado unicamente ao tradicional
Levamos xa un par de anos co grupo, aínda que vimos doutros proxectos, e xa comezamos con esa idea de darlle versatilidade ao instrumento, mais levounos un tempo chegar até o punto en que estamos agora e decidirnos finalmente a tirar cara adiante e sacar o noso primeiro disco. O ano pasado estivo completamente dedicado á composición, pensando xa nos temas deste novo proxecto que acabou sendo O Clásico Fol. A idea era transgredir desde o ámbito da música tradicional, aínda que, evidentemente, parte desa raíz. 

Cando tivemos o primeiro concerto e nos decidimos a saír co proxecto concibímolo como unha viaxe musical. De feito, o noso logo representa unha maleta. Para nós é unha viaxe como galegos que viaxan polo mundo e se relacionan con outras culturas de tradición oral ou escrita. 

Partimos da nosa música e da nosa tradición, mais deixándonos envolver polas cousas que atopamos polo camiño. Neste disco visitamos algúns sitios que creo que se poden identificar facilmente, como o sur da Península ou a través das melodías irlandesas ou do valse vienés. Con isto tamén queríamos facer ver ou mostrar que a gaita pode adaptarse a outros estilos e culturas, por iso tamén hai unha muiñeira cun certo toque a México a través das harmonías. 

A idea é darlle continuidade ao proxecto e, probabelmente para o ano, sacar un novo traballo no que investigar diversas culturas e viaxes. Agora estamos xa nese proceso de compor os novos temas e apetécenos visitar a Arxentina e os seus tangos. 

Como foi ese proceso de composición entre vostede e Suso Bello?
Polo xeral eu enviaba as melodías, el traballaba coas harmonías e posteriormente dabámoslle forma ao tema definitivo. No disco pasou un pouco de todo. Partindo desa intención de querer ir a un punto e acabar indo ao outro, porque a música lévate. 

Ao final sempre somos persoas que debemos estar ao servizo da música, mais tamén ter moi clara a intención de a que queriamos que soase e percorrer todo un camiño e traballar para poder chegar a ese punto e ser quen de transmitir isto desde a nosa perspectiva. Tamén é certo que é un disco instrumental. 

Ás veces coa voz chegamos dunha forma máis directa a unha mensaxe que se quere transmitir, mais só con ese discurso instrumental tamén é posíbel facelo. A través deste disco buscabamos ir visitando diferentes lugares e que vaian creando sensacións na persoa que o escoita, a través de melodías alegres que transmiten a viveza e o colorido da música mexicana, mais tamén a melancolía, a tristeza ou a morriña. Claro, nós nun principio pensámolas dun xeito, mais despois tamén hai tantas interpretacións como persoas que as escoitan e todas son válidas. A música é moi diversa e pode levarnos a sitios moi distintos, mais digamos que queríamos fiar ese discurso a través do exclusivamente instrumental. 

Este traballo está nas  plataformas dixitais, mais estará en formato físico?
Decidimos sacalo en formato de pendrive que levamos connosco aos concertos e presentacións por se alguén quere ter ese cariño de apoiar un pouco o proxecto e lle apetece levalo. Tamén para nós ten o sentido de que fose algo útil para a persoa, porque despois pode darlle un uso. 

Por outra parte, hai unha cousa importante para nós con este traballo, xa que é de quilómetro cero, como se adoita dicir noutros contextos. Apetecíanos involucrar a persoas relacionadas co mundo da arte, mais que foran da contorna, e así o decidimos para cada un dos elementos: o estudo de gravación, o deseño da nosa web, o logotipo, a masterización do disco, o vídeo e as fotografías do grupo... Tamén tivemos a sorte de que o poeta ribeirense Xabier Marqués fixera a poesía dun dos temas do disco. 

Comentarios