Rianxo declarará Fillos Predilectos os fundadores de Os Rosales, Xosé Romero e Maruxa Miguéns

O nomeamento parte dunha moción do BNG
©EDITORIAL CANELA_Os_Rosales_con_Fina
photo_camera ©EDITORIAL CANELA_Os_Rosales_con_Fina

O pleno do Concello de Rianxo aprobou esta sexta feira por unamidade iniciar a tramitación do expediente para que Os Rosales sexan declarados Fillos Predilectos de Rianxo. O apoio partiu dunha moción do BNG que recollía o sentir de moitos músicos e músicas de todo o país.

No texto da súa moción, o BNG salientaba as achegas á cultura e a música do país realizadas polos músicos e músicas populares das que dan conta os historiadores Xesús Santos e Xosé Comoxo no seu libro Rianxo, Terra de Músicos. Á fronte de todos irían Xosé Romero e Maruxa Miguéns, Os Rosales, parella musical que levou por todo o mundo os sons do país e o nome da parroquia de Asados e de Rianxo.

 

Acto público

No acordo plenario, adoptado por unanimidade, o alcalde queda facultado para incoar o expediente, tras o cal se celebrará un acto público. Varias asociacións de músicos e agrupacións xa manifestaron a súa vontade de participar neste acto, para que sexa un festival musical en homenaxe a dous dos grandes da música galega.

Desde o BNG, lembran que Xosé Romero morreu en xullo de 2021 e foi enterrado en Asados, pero que a súa parella "está afortunadamente conosco", e que o libro monográfico titulado Os Rosales. O son da festa recolle "a historia dunha vida de amor e superación persoal, cuxo motor foi unha constante paixón pola música tradicional".

Igualmente, sinalaron que a súa moción foi apoiada por varios referentes culturais de Rianxo, da comarca e de fóra dela, como Xaneco Tubío, presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos, quen indicou que “xuntos levaron Asados ​​​​e Rianxo polo mundo adiante. Moitos de nós identificamos a vosa vila con Xosé e Maruxa. A nosa asociación, nos últimos anos, vén de organizar diferentes encontros e xornadas formativas en Rianxo grazas á súa presenea nel, e ao apoio do goberno local. Desde unha homenaxe ós propios protagonistas (que xuntou arredor de 250 persoas no Auditorio) a xornadas tales como: A gaita no mar, Xornadas de Tradición en Feminino e moitas outras".

Comentarios