Maruxa Miguéns, unha pioneira entre os gaiteiros

'Os Rosales. O son da festa', libro que vén de lanzar a Editorial Canela na súa colección de tradición oral, recupera a historia dunha das mulleres pioneiras da música tradicional galega: Maruxa Miguéns. Foi por casualidade que entrou a tocar o bombo nos Rosales, o cuarteto do seu marido, Xosé Romero, para rematar converténdose nunha peza chave da formación, que coa súa voz e o seu toque se converteu nunha das máis demandadas do momento. "Mágoa que non foses home para vir con nós", dicíanlle os da banda antes nos ensaios. Pero non lle fixo falla.
Foto promocional dos Rosales,
con Maruxa Miguéns ao bombo. (Foto: Edición Canela)
photo_camera Foto promocional dos Rosales, con Maruxa Miguéns ao bombo. (Foto: Edición Canela)

Houbo un tempo, non hai tanto, no que ser gaiteiro non estaba para nada ben visto. Foi neste contexto hostil da segunda metade do século XX no que naceu Os Rosales, o grupo de gaitas de Asados (Rianxo), no ronsel doutras formacións como os gaiteiros de Soutelo, encadrados nesa "loita por dignificar a nosa música ao tempo que queren devolver á figura do gaiteiro o status de bardo céltico que representa as esencias máis xenuínas do pobo", explica Xosé V. Ferreirós no limiar do libro Os Rosales. O son da Festa (Editorial Canela).

Pero este cuarteto tiña ademais outra particularidade: incorporaba unha muller, algo case impensábel naquela altura. Era Maruxa Miguéns, que forma xunto ao seu home, Xosé Romero, a alma deste grupo.

A través da recreación de escenas, Fina Fernández achega ao lector as vivencias dos protagonistas desde os inicios, precedentes inclusive, á evolución e ao carácter deste grupo rianxeiro. A idea do libro naceu a partir do anterior traballo da autora, unha biografía de Antón Corral. O artesán, amigo de Xosé Romero, faloulle deles.©EDITORIAL CANELA_Os_Rosales_con_Fina

Cando lle puxo o seu disco Fernández ficou fascinada, en especial pola voz de Maruxa. Máis tarde, coñeceunos na presentación da súa propia publicación e ficou, se cabe, máis impresionada por esa "paixón e amor polas cousas" que ambos os dous demostraban, aos 84 anos ela e aos 90 el.

A chegada de Maruxa

A singularidade dos Rosales era en boa parte a pegada de Maruxa. Sen ela, probabelmente "terían a mesma evolución que outro grupo calquera, pasarían sen pena nin gloria", di Fernández. Isto acontecía nun momento no que os gaiteiros non estaban ben vistos, "eran pouco máis que tirados e maleantes".

Á dignificación do instrumento sumábase a vontade de abrir camiño, pois "non había mulleres que participasen de maneira profesional na música". E menos cun instrumento considerado masculino. "Ela ía polas corredoiras co bombo, cantaba, compoñía...", conta a autora, "deulle vida ao grupo".

Porén, Os Rosales naceu sen ela, na década dos 50. A entrada de Maruxa no grupo do home foi, como tantas outras cousas, fortuíta. O que tocaba o bombo normalmente "caera do palco e rompera o brazo", relata Maruxa. Vendo a tristeza do home por non poder cumprir os contratos xa pactados, deu un paso ao fronte.

Ela xa tocaba algunha vez nos ensaios e non por nada lle dicían o resto dos membros do grupo: "Mágoa que non foses home para vir con nós". Pero non lle fixo falla, porque rematou entrando no grupo igualmente. Iso si, pasou os oito días que tiña de marxe para preparar a primeira actuación "a marcar o paso da procesión" até as dúas da mañá na casa, practicando, relata. E así estreábase o primeiro domingo de outubro de 1962.

Mais o que ía ser só unha vez chegou para ficar, por aclamación popular. A xente viña á casa preguntando polo "gaiteiro da muller". Así de boa foi a acollida, aínda que ás veces tiña que escoitar comentarios como "aí vai o gaiteiro vestido de muller".

E é que moitas persoas non crían que puidese non ser un home. Os precedentes eran poucos e Maruxa ten consciencia de ser pioneira, se ben lembra, por exemplo, dunha "moza que tocaba ás veces cos irmáns". Mais aquilo non pasaba do anecdótico.

Esto é un estrato do tema que sae publicado hoxe na sección de Cultura de Nós Diario. Podes rematar a lectura mercando o xornal nas librarías ou na nosa tenda online. Para non quedar máis a media reportaxe podes facer agora mesmo a túa subscrición!

Comentarios