Ramón Nicolás: "Hai unha mostra representativa da literatura galega de finais dos 60, con perfís moi plurais"

No ano 1969, o escritor Xesús Alonso Montero puña en marcha unha iniciativa para coñecer a realidade literaria galega do momento a través dunha enquisa enviada a 86 autoras e autores. Medio século despois, este traballo foi recuperado e publicado baixo o título Dicionario da nova literatura galega (86 voces que responden un inquérito, 1969). Nós Diario conversa con Ramón Nicolás, responsábel da edición, do estudo introdutorio e das notas da obra.
Ramón Nicolás exerce como profesor, tradutor e crítico literario. (Foto:Santos-Díez / AELG)
photo_camera Ramón Nicolás exerce como profesor, tradutor e crítico literario. (Foto: Santos-Díez / AELG)

Como descubriu este proxecto?

Era un proxecto que estaba nas miñas mans desde hai bastantes anos, o que ocorre é que as circunstancias non foron favorábeis para que se puidese publicar e agora, finalmente, puxéronse as cousas de cara para que se levase a cabo. Chegou a min a través das mans de Manuel Bragado, que foi a persoa coa que Alonso Montero falara no seu día para facer unha edición deste corpus de texto, que existía desde o ano 1969, pero que precisaba dun traballo de edición. Que caese nas miñas mans foi unha decisión de carácter editorial, co acordo de Xesús. Prepareino máis ou menos nun prazo breve de tempo, pero publicouse hai uns meses.

Dábame certa mágoa que non vise a luz, xa que é un traballo que estaba durmindo no soño dos xustos e baixo a miña consideración tiña certas particularidades que poderían ser interesantes para coñecer o noso pasado literario.

Que relevancia ten hoxe en día? 

É interesante na medida en que deita luz fundamentalmente arredor das opinións dun grupo de autores e autoras con obra publicada a partir de 1936 que contestaron a enquisa. Entre as preguntas que propón Alonso Montero pódense albiscar dous valores, ou quizais máis. O primeiro fai referencia aos datos de carácter biográfico que ofrecen as persoas que responden e que chegan da súa man, polo que hai unha fiabilidade practicamente absoluta. Engádense así datos de natureza bibliográfica ou biográfica que nalgúns casos son bastante descoñecidos. 

Logo, por outra parte, está a enquisa que chamo sociolóxica, que estriba en preguntas nas que os autores e autoras dan a súa opinión e que, olladas agora, anos despois, ofrecen unha visión panorámica sobre distintas cuestións. Por exemplo, a valoración da Real Academia Galega ou se a prensa galega daquela altura daba a importancia que debía á nosa literatura. Tamén preguntas relativas ás voces que máis influíron nelas, onde curiosamente a maioría destaca a figura de Castelao ou Celso Emilio Ferreiro como autores máis atractivos.

Que perfís se atopan entre as persoas que responderon a enquisa?

Evidentemente non están todos os que eran naquela altura, pero si hai unha mostra bastante representativa da literatura galega daquel momento a través das persoas que participaban no sistema literario galego a finais dos 60. Son perfís moi plurais e heteroxéneos. Hai persoas que son consideradas clásicos na actualidade, outras que lamentabelmente non perseveraron na creación literaria, etc. 

Nese sentido, gústame que a valoración global que se pode facer veña de voces diferenciadas. Aí pode estar o interese para o especialista. Entendo que o dicionario está dirixido a persoas que lles interesa a literatura galega, pero non exclusivamente. Desde un punto de vista sociolóxico, conta cunha revisión de carácter xeral sobre esas cuestións de opinión que se podían contestar na época, con respostas nalgunhas ocasións onde se ve certa autocensura, xa que se trataba dun proxecto que ía ser publicado máis ou menos inmediatamente.

Cuestións como a situación da lingua, entón, tamén se ven reflectidas?

Si. Esa sería a segunda parte da enquisa, con preguntas que teñen un carácter vinculado co galego e, aínda que non están de modo explícito, dalgunha maneira hai moitos autores que falan diso. Tamén cando comentan que na prensa galega non se atende como se debería nin a literatura nin a lingua galega e nas respostas que se van coando en distintos epígrafes, nas que derivan en lamentar a situación de resistencia que vivían a nosa lingua e a nosa literatura.

Comentarios