2 e 3 de novembro en Chantada

Punk de combate e pachanga antisistema no Castañazo Rock

O que foi o festival fundacional do rock bravúa, aló pola década dos 90 do pasado século, é agora un encontro para amantes de punk de combate, rock antisistema e pachanga crítica. O Castañazo Rock, en Chantada o 2 e o 3 de novembro, conta este ano con nomes senlleiros como Boikot, Talco ou Dakidarría.
 

talco banda
photo_camera A banda italiana Talco. Foto: cedida.

cartaz castañazo 2018

A festa arrinca a sexta feira 2 de novembro cun programa do que fan parte La Otra & Las Locas del Co, Desakato, Lágrimas de Sangre, o ska punk dos italianos Talco -entre os cabezas de carte- Mafalda ou o hip hop rebelde de Rebeliom do Inframundo.

Ao día seguinte, sábado 3 de novembro, os madrileños Boikot ofrecerán un dos máis agardados concertos do festival. O seu primeiro disco data de 1990 -Los Ojos de la Calle- e coa trioloxía La Ruta del Che aumentaro a súa base de fieis. Ofrecen punk rock con conciencia crítica, ás veces no bordo do rock urbano.

No escenario de Chantada seguiranos Smoking Solus, Zoo, os galegos Dakidarría ou Raiba, e N.O.H.A. Pero o Castañazo Rock non se reducirá ao recinto do mercado gandeiro. Durante a xornada do sábado haberá actividades para os máis pequenos -Castañazo Infantil-, cantos de taberna e pasarrúas coa charanga Mekánika Rolling Band.

A maiores, a organización dispoñibiliza zona de acampada. As entradas están á venda.

Comentarios