O festival será o sábado 8D en Pontedeume

Punk celta e rock sueco nun Treme a Terra dedicado á loita obreira

Na 19ª edición do festival Treme a Terra de Pontedeume, que ten lugar o sábado 8 de decembro, o protagonismo musical será de carácter internacional. Canda o punk celta dos galegos Bastards On Parade estará o “punk rock escandaloso” dos suecos The Baboon Show.
 

Bastards-on-Parade-4
photo_camera O grupo de punk folk Bastards On Parade. Foto: cedida.

O Treme a Terra, cuxa sede é o aparcadoiro do instituto Fragas do Eume, dedica o seu encontro deste ano “á loita dos estaleiros da ría de Ferrol e as súas heroicas resistentes, que non eran pobres obreiras”. “A imaxe de submisión e inactividade da sociedade galega é un mito que se foi construíndo ao longo dos anos”, indican desde a organización, “pero nada máis lonxe da realidade”.

O festival lembrará cun caderno “os acontecementos máis salientábeis desa etapa da historia galega”: paros, folgas, conflitos, o estourido de 1972, o papel das mulleres nas loitas. “Sodes semente revolucionaria”, conclúen.

Ademais de Bastards On Parade e The Baboon Show, actuarán Bule, grupo eumés de “melodías divertidas” pop rock e mais Tanxugueiras, “auténtica homenaxe á música tradicional galega”. Tamén haberá espazo e tempo para as pequenas e pequenos, coa intervención de Pakolas.

Organiza o Colectivo Terra co apoio da Deputación da Coruña e mais do Concello de Pontedeume.

Comentarios