Contracultura

Montse Davila (Galadriel): "Que contidos tan potentes como 'Os aneis de poder' poidan ser vistos en galego é algo moi bo"

Montse Davila, dobradora, é a voz galega de Galadriel, a protagonista da nova serie Os aneis de poder, ambientada no mundo de O señor dos aneis de J. R. R. Tolkien, e de Marina Quiroga, a protagonista de Un asunto privado. Davila fala da industria e dos avances que isto supón para a lingua porque, como ela di, “quen podía imaxinar algo así?”.
Montse Davila pon voz á protagonista da serie 'Os aneis de poder', ambientada en 'O Señor dos Aneis'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Montse Davila pon voz á protagonista da serie 'Os aneis de poder', ambientada en 'O Señor dos Aneis'. (Foto: Nós Diario)

—Xa era fan das historias de J. R. R. Tolkien?
Non lin os libros nin vin as películas porque non é un tipo de temas que me atraian especialmente. É certo que durante a dobraxe si que me enganchou, como calquera outra serie da que non sabes nada, pero é diferente de cando a ves en emisión, claro. Ao dobrar non tes relación con todas as personaxes da serie e hai saltos de secuencias: non hai un percorrido cronolóxico. Por iso tamén está a dirección, para situarte e explicar a escena anterior ou o que vai vir a continuación.

A referencia do orixinal sempre é importante, mais ás veces non entendes moi ben por que se di determinada cousa e, coa dirección, que xa viu todo o contido, é máis fácil darlle un xeito. 

—Hai persoas que tampouco son especialmente fans pero que ven esta serie para apoiar a dobraxe en galego.
É unha alegría, e non o digo por min. Que este tipo de contido, tan potente, poida ser visto en galego é algo moi bo para a dobraxe e para a lingua. Quen podía imaxinar algo así? Eu non é que estea moi pendente do que se di nas redes sociais, mais ás veces si que miro algunhas cousas e todo o que vin con respecto a Os aneis de poder e a Un asunto privado é positivo.

Por exemplo, unha cousa que vin moito é que se entende todo á perfección, que ás veces nas versións orixinais non é así. Claro, os actores moitas veces paran por enriba das palabras e nós non podemos facer iso. As cousas se non saen á primeira repítense até que quede perfecto de dicción, que non é doado se a versión orixinal está apurada. Desde logo foi un traballo duro, pero o resultado en xeral penso que foi moi bo.

—Cre que é o primeiro paso para un cambio?
Creo que a industria fai o contido que lle interesa. Isto que pasou agora vén porque, por lei, hai unha porcentaxe de contidos que as plataformas como Prime Video ou Netflix teñen que emitir en todas as linguas oficiais, mais penso que eles farán o contido no idioma que queiran e despois xa se dobrará ou subtitulará. Verémolo co tempo, desde logo isto é unha axuda.

Tamén hai persoas ás que non lles gusta mirar as obras dobradas, que prefiren as versións orixinais. Desde o sector sempre dicimos que non todo o mundo pode seguir unha serie subtitulada e que hai que ter as opcións: quen queira que mire a orixinal, mais quen prefira escoitalo na súa lingua que tamén teña a posibilidade. Ademais, a dobraxe non deixa de ser un labor de difusión e de normalización lingüística. Cando se emitía o Xabarín Club hai anos, cun horario mellor que o de agora e coidando o contido, foi un fenómeno. A xente non quería ver as series noutro idioma que non fose o galego porque non se entendía doutro xeito e aprendían palabras que non se coñecían.

Eu sempre son partidaria de que se hai una palabra máis similar ao español e temos unha opción máis nosa, empregar a segunda, e se é descoñecida fagámola coñecida. Fagamos que se use.

—Estas dobraxes poden achegar o panorama ao que había co Xabarín Club?
O público cambiou moito. Estamos falando de hai anos cando as cousas só se podían mirar a unha hora concreta. Con internet cada quen escolle o día, a hora, o contido e até a lingua. Se pode axudar? Que estea aí bo é. Teño a impresión de que a xente nova fala máis galego do que se falaba.

É certo que me movo nunha contorna moi galegofalante, ben polo traballo ou pola familia, mais creo que é así. E que haxa contido axuda. Canto máis rodeados esteamos da nosa lingua máis familiar vai ser, menos descoñecida será para a xente. Tamén é certo que non é un traballo de hoxe para mañá, mais é o que dicía: quen podía imaxinalo? Quen sabía que iamos poder escoitar unha serie tan potente en galego? Era algo impensábel até non hai moito.

Comentarios