O primeiro Festival do Leite reúne a máis de 8.000 persoas en Compostela 

​O evento, organizado pola firma propiedade de gandeiros galegos Deleite, serviu de espazo para reivindicar a importancia do sector lácteo no país.

(Foto: Deleite)
photo_camera (Foto: Deleite)

O parque compostelán de Belvís foi o escenario do primeiro Festival do Leite, que reuniu na súa edición inicial a máis de 8.000 persoas. Grupos da escena galega como Familia Caamagno, Los Chavales, Novedades Carmiña, Eladio y Los Seres Queridos, Ataque Escampe ou Os da Ría foron os encargados de poñer a música nun festival organizado pola firma Deleite, propiedade dunha trintena de gandeiros galegos que decidiron recuperar a marca co reto de comercializar o seu propio leite. Un ambiente festivo que serviu de reivindicación a favor da importancia do sector lácteo no país. 

“A marca decantouse por Santiago como lugar para celebrar a primeira edición do festival -que será anual e itinerante- no só pola centralidade xeográfica e por ser capital de Galicia, senón a xeito de recoñecemento e agradecemento aos composteláns polo apoio, solidariedade e comprensión que sempre mostraron cos produtores de leite no actos en defensa do sector”, anunciaron os organizadores en nota de prensa. 

O Festival do Leite tivo tamén unha finalidade solidaria, con 5.000 quilos recollidos entre os asistentes para a Federación Galega de Bancos de Alimentos. O beneficio das barras será destinado a organizacións sen ánimo de lucro que traballan coas persoas refuxiadas.

Comentarios