VÍDEO NO INTERIOR

'As que limpan', d'A Panadaría, gran vencedora dos María Casares con catro galardóns

O espectáculo d'A Panadaría foi o máis premiado nunha gala na que o presidente da AAAG, Xosé Barato, lamentou a "precarización" do sector e solidarizouse co persoal da CRTVG.
'As que limpan', da Panadaría, foi a obra máis premiada, con catro galardóns. (Foto: LaDiapo)
photo_camera 'As que limpan', da Panadaría, foi a obra máis premiada, con catro galardóns. (Foto: LaDiapo)

Con catro galardóns, a compañía A Panadaría foi a gran protagonista da noite desta quinta feira na gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares. A súa produción As que limpan venceu nas categorías de Espectáculo, Dirección, Actriz protagonista e Texto orixinal. Seguiuna O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas, con tres trofeos —Adaptación-tradución, Actor secundario e Vestiario—.

Un total de 15 espectáculos aspiraban a facerse cos 16 premios que entrega neste certame a Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG). Ao evento asistiron medio milleiro de persoas, entre elas a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, o director da Agadic, Jacobo Sutil; a subdelegada do Goberno estatal na Coruña, María Rivas; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; os concelleiros do grupo municipal do PP Miguel Lorenzo e Roberto Coira; as da Marea Atlántica María García e Iago Martínez; desde o BNG, Francisco Jorquera e Avia Veira, ou o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez.

A gala, chea de bo humor, de ironía e de novo circo e na que o protagonismo se centrou nos oficios invisíbeis da escena e nos xéneros escénicos que se sitúan ás marxes do teatro convencional, decorreu baixo a dirección de Marcos Ptt. Ao escenario do Teatro Rosalía Castro da Coruña subiu un elenco conformado por Natalia Outeiro ‘Pajarito’, Arturo Cobas, Johanna Hesse, Álvaro Fitinho, Beatriz Rubio, Ezra Moreno e o propio Ptt, quen ademais de dirixir e actuar asinou o guión xunto a Antón Coucheiro.

O equipo artístico completouse con Carlos Alonso no deseño de vestiario e escenografía, NachoFaiaLar (trío formado por Nacho Muñoz, Faia Díaz e L.A.R. Legido) na música en directo e Dani Pais na iluminación. Durante a gala a xastra Cloti Vaello recolleu o Premio de Honra Marisa Soto e Clara Gayo leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.

Discurso de apoio ao persoal da CRTVG

A gala, que foi retransmitida por YouTube a través da canle dos Premios María Casares, contou co discurso de Xosé Barato, presidente da AAAG, quen iniciou a súa intervención saudando a profesión escénica que se reunía no Teatro Rosalía de Castro na gran festa do noso teatro e tamén ao público que seguía a gala dende os seus fogares.

Barato lamentou que a TVG levase cinco edicións sen retransmitir os Premios María Casares, o cal considerou como "unha anomalía e unha falta de respecto". Ademais, no seu discurso, trasladouse a "solidariedade" da AAAG "con todo aquel que se mobiliza baixo un lema claro: Por uns medios públicos de calidade, por uns medios públicos sen manipulacións".

O presidente da AAAG tamén aproveitou a ocasión para lembrar a María Casares, ao ano seguinte do seu centenario. "O teatro é político ou non o será. Dicíao María Casares. A profesión escénica, que por unha noite senta no patio de butacas para ser público, está hoxe aquí reunida para celebrar un oficio de forma pública. Tamén de forma política. E como falamos de política e do público, non nos queda máis remedio que falar dunha cuestión que nos é vital: a precariedade", sinalou Barato, antes de afondar na necesidade de seguir avanzando na defensa dos dereitos laborais dos actores e actrices.   

"Algo común a todos os que nos dedicamos a este oficio segue sendo a citada precarización. Por iso un dos obxectivos desta asociación é a mellora dos convenios que nos rexen. Nos últimos tempos, demos certos pasos para loitar contra esta precarización coas medidas que se foron aprobando no chamado Estatuto do Artista. Pero aínda queda moito por avanzar. Cómprenos dar a pelexa hoxe para garantirnos o futuro", concluíu o presidente da AAAG.

Premios por categoría

  • Maquillaxe: Diego Valeiras por Papagena, de ButacaZero.
  • Vestiario: Carlos Alonso  por O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas.
  • Iluminación: Montse Piñeiro, Raquel Hernández e Pedro Fresneda por O deus do pop, de Diego Anido.
  • Espazo escénico: Blanca Añón por Ás oito da tarde, cando morren as nais do CDG.
  • Espazo sonoro:  Mon Orencio por Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro.
  • Adaptación-Tradución: Quico Cadaval e Pepe Sendón por O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas.
  • Texto orixinal:  Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro por As que limpan, de A Panadaría.
  • Actor protagonista: Josito Porto por Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro.
  • Actriz protagonista:  Noelia Castro por As que limpan, de A Panadaría.
  • Actriz secundaria:  María Roja por A peste, do Centro Dramático Galego.
  • Actor secundario: Evaristo Calvo por O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas.
  • Dirección: Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro por As que limpan, de A Panadaría.
  • Dirección de movemento: Premio ex aequo a Rut Balbís por As oito da tarde, cando morren as nais, do CDG,  e a Diego Anido e Guillermo Weickret por O deus do pop.
  • EspectáculoAs que limpan, de A Panadaría.
  • Espectáculo infantil: A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro.
  • Espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas: Xela e o Dragón Traga-Verbas, de Títeres Cachirulo.

Comentarios