Os Premios Barbantia da Cultura recoñecen Carlos Callón e Xosé Luís Veiras Manteiga

Tamén será distinguido o Centro Arqueolóxico do Barbanza.

Carlos Callón é un dos galardoados. (Foto: Arxina)
photo_camera Carlos Callón é un dos galardoados. (Foto: Arxina)

A Asociación Cultural Barbantia fixo públicos hoxe sábado os nomes das persoas e entidades que serán recoñecidos cos Premios Barbantia, que alcanzan a súa décimo sétima edición.

Nesta ocasión, a entidade outorgará Carlos Callón o Premio Barbantia da Cultura Galega, mentres que Xosé Luís Veiras Manteiga recibirá o Premio Barbantia á Traxectoria Cultural no Barbanza.

Con respecto ao Premio Barbantia á Iniciativa Cultural no Barbanza, este recaerá no Centro Arqueolóxico do Barbanza.

Os gañadores recibirán as súas distincións nunha gala que se desenvolverá na Casa da Cultura do Concello de Lousame o próximo sábado, 16 de decembro, a partir das 12.30 horas da tarde.

Ese mesmo día tamén se presentará o décimo noveno volume do Anuario de Estudos do Barbanza que edita Barbantia.

Todos estes actos poderán seguirse, como é habitual, a través da canle oficial de Youtube da Asociación Cultural Barbantia.

Ademais, tamén se levará a cabo a tradicional comida no restaurante Trapeiro de Lousame, para a cal, lembran desde a AC Barbantia, é preciso realizar a inscrición previa antes do 15 de decembro a través do correo electrónico da asociación.

Comentarios