“Mil anos antes da nosa era xa nos creáramos como pobo”: Un canto desde a cima do Pico Sacro 

O Pico Sacro acolleu na mañá do sábado unha nova subida ao seu cume, revivindo o ascenso que Castelao realizara en 1924 a canda outros membros das Irmandades da Fala, como antesala ao Día da Patria Galega. 

Subida ao Pico Sacro o sábado 24 de xullo de 2021 (Foto: Xoán Carlos Garrido).
photo_camera Subida ao Pico Sacro o sábado 24 de xullo de 2021 (Foto: Xoán Carlos Garrido).

“Talvez se voásemos coa nosa dorna xeiteira por enriba do reloxo de area –tal fósemos nunha cápsula do tempo– poderiamos observar que mil anos antes da nosa era xa nos creáramos como pobo, sendo donos da nosa identidade”. Con estas palabras o investigador Héitor Picallo saudaba a inmensidade azul no alto do Pico Sacro, nunha subida convocada máis un ano pola Asociación Cultural O Galo de Santiago de Compostela e a AC Vagalumes da Estrada, ambas as dúas entidades integrantes da Federación Galiza Cultura.

Como un ritual, conmemorouse o ascenso realizado por Castelao o 19 de xullo de 1924, en plena ditadura de Primo de Rivera, a canda outros membros das Irmandades da Fala para coñecer os mitos e a historia do pobo galego desde o alto deste renomeado lugar sagro.

A subida ao sagrado

A capela de San Sebastián foi o espazo que acolleu a lectura inaugural do encontro, a cargo de Picallo, un texto que escribiu ex professo para este acto. 

“Fomos até a entrada das covas, onde falamos da súa formación xeolóxica, da forma das bocas, das entradas, e da historia da fortificación que había enriba", conta para Nós Diario o investigador. Tamén abordaron as veces que se reconstruíu este espazo e as lendas que hai, que había, arredor do Pico Sacro.

“O monte, que antes se chamaba Illicinus”, explica, parece ser que tiña dragóns, serpes... Era un lugar infestado de pragas até que o santificaron e, desde ese momento, comezaron a chamarlle “Sacro”. 

Trátase dun acto moi querido, moi arroupado. “Tivemos moi boa acollida” a pesar das limitacións impostas pola situación sanitaria", comenta para Nós Héitor Picallo. “A sensación que levas, no meu caso en concreto ao ler ese pregón que é unha especie de introdución, é de emoción”. "Sabes que Castelao estivo no Pico, que despois diso veu o Alba de Gloria, con todo o que significa a día de hoxe..." Todo un preámbulo do Día da Patria desde un monte sagrado como é este. 

A subida ao Pico Sacro realizouse nunha xornada diferente, coa finalidade de cumprir ao máximo as medidas de seguridade vixentes, motivo polo cal quebraron “o programa habitual” e non acudiron “ao acto as outras asociacións membros da Federación Galiza Cultura nin o grupo de gaiteiros”. Así mesmo, tamén optaron por anular a actuación musical mais o recital de poemas, alén de “restrinxir o número de participantes, como xa se fixo en 2020”.

Alba da Gloria

Como cada ano, nesta cimeira que precede o día grande da Galiza, tamén se rendeu unha homenaxe ao discurso Alba de Gloria de Castelao, reafirmando con el a vontade da Galiza de ser e de existir como nación.

Após a lectura da Alba izouse a bandeira e cantouse "a capela" o himno galego. 

No remate, levouse a cabo un xantar de convivio en Gres e a visita a determinados puntos da zona, como a ponte medieval de Ledesma ou a capela de Santiaguiño. 

O encontro na cima do Illicinus mantense cun ambiente festivo, mais coa carga simbólica e política que ten en si. No alto saudou Héitor Picallo o futuro, da man da historia: “E reunidos aqueles todos, xuntos cos que aquí tamén estamos, nesta procesións de ánimas e de vivos, chegaremos ao curuto do monte Ilicino para chantarnos coa forza dunha única man a bandeira que nos é propia. Así, en singradura figurada, embarcamos na dorna de Bóveda, Castelao e Rosalía, con todas as irmás e irmáns, irmandiños e xentes das irmandades, os nosos antepasados e os que aínda están por chegar”. 


 

Comentarios