Contracultura

Sagadrum: "As persoas que escoitamos rock progresivo sentímonos máis atraídas pola batería"

Sagadrum, nome artístico de Gerardo Fernández, leva máis dunha década experimentando cos sons da batería electrónica, que agora libera a través dos 
seus concertos e dos seus temas en plataformas dixitais.
O músico Gerardo Fernández, 'Sagadrum' (Foto: Nós Diario).
photo_camera O músico Gerardo Fernández, 'Sagadrum'. (Foto: Nós Diario)

—Por que comezou a tocar a batería electrónica?
Comecei coa acústica arredor de 1994 cando vivía en Vigo. Os dous primeiros anos fun a clases, mais xa desde o principio me sentín bastante cómodo, polo que comecei a meterme en grupos cos que fixen algunhas maquetas e tamén concertos. En 2001 marchei aos Estados Unidos durante case sete anos. Alí seguín tocando na casa na que vivía, mais nunca cheguei a entrar en ningún grupo porque quería darlle prioridade aos estudos e meterse na música implica moito tempo.

O último ano que estiven alí acabei mudándome a un piso, polo que xa non podía facer ruído, así que fixen o que fai moita xente, mercar unha batería electrónica e utilizala para ensaiar. Ao comezo tocaba o mesmo que tocaba na acústica, que é o uso que lle dan moitas persoas que teñen a electrónica, pero despois comecei a investigar máis, vendo os modos e as posibilidades que me abría esta batería e foime espertando o interese por seguir explorando este universo. 

Tamén creo que ten moito que ver con que os meus gustos musicais foron mudando e comecei a escoitar moitas persoas que tocaban electrónica. Ademais, despois dun tempo tamén comecei a facer as baterías de maneira máis persoal, mercando os distintos elementos e facendo eu todo o que poida. 

—Sempre soubo que quería tocar a batería?
Tamén toco un pouco a guitarra e o baixo e tendo coñecementos de música en xeral podo intentar experimentar con outros instrumentos, mais xa desde que comecei a tocar si que tiña claro que a batería era o meu. Hai que ter en conta que con dez ou doce anos non escoitaba a música da época que se puña na radio. Pasaba todo o tempo escoitando os discos que tiñan os meus irmáns maiores, que eran de rock progresivo. 

Este é un estilo no que a batería ten moito protagonismo, polo que é moi habitual que as persoas que o escoitamos nos sintamos máis atraídas pola batería que por outro tipo de instrumentos. E, de feito, os temas que compoño agora, aínda que están feitos coa batería electrónica, non son nada techno nin house. Teñen un aspecto electrónico, mais son rock progresivo.
 
—Ten algún proxecto que lle gustaría desenvolver no futuro?
En febreiro deste ano fixen unha actuación en Río Lagares (Vigo) e tiñamos outra programada para agosto, mais tivemos que cancelala. Ao vivir en Taiwán estou na Galiza arredor de dous meses no inverno e tres no verán, polo que me gustaría aproveitar algún deses momentos para volver programar algo. Seguramente, cando volva para Nadal estea até febreiro e aí teremos oportunidades para organizar algo. Por outra parte, hai meses cheguei a unha versión case definitiva de varios temas que xa tiña compostos nos que fago eu todo, desde os instrumentos, a voz e tamén a mestura posterior.

O único que me faltaba era facer o masterizado para que tiveran un son máis profesional e xustamente descubrín que Soundcloud ten un servizo bastante decente para poder facelo. Así, hai catro meses subín os temas aí e este mes a idea é comezar a publicar vídeos nas miñas redes utilizando eses temas sen a batería como base e tocar esta en directo por enriba, tamén para que se vexa ben como toco eu e as cousas que se poden facer. Por iso tamén os vídeos que publico son planos cenitais de estudo.

—Ten previsto colaboracións nos seus temas?
Estou vendo é a posibilidade de tocar cun DJ en directo. Estar nun grupo non é algo que me chame a atención especialmente, porque leva moito traballo, pero creo que esta posibilidade sería moi interesante e de feito aquí en Taiwán xa estou en contacto cun DJ inglés que tamén vive aquí e queremos intentar ver se ao longo destes meses podemos ir sacando algo de maneira conxunta.

Realmente isto tamén é algo que fago por afección, porque se queres pórte en serio, ter exposición e que a xente te siga tamén tes que dedicarlle moito máis tempo do que teño.

Comentarios