O patrimonio oral na creación musical contemporánea, a debate nas xornadas "A Cultura é un dereito"

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González. (Foto: Nós Diario)
A música, produtora e xestora cultural Aitana Cuétara será a comisaria dun ciclo co que colabora o proxecto O que non se escribe .

A necesidade de definir un protocolo ou manual de boas prácticas legal, ético e de xestión para o tratamento dos arquivos e das persoas implicadas neles, será o fío condutor de Traducir a tradición, a décimo novena cita das xornadas "A Cultura é un dereito", organizadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña. O encontro celebrarase do 19 ao 21 de marzo na sede da SGAE en Compostela. A música, produtora e xestora cultural Aitana Cuétara será a comisaria dun ciclo co que colabora o proxecto O que non se escribe .

Segundo a deputada de Cultura, Natividade González, este debate "quere colocar o noso patrimonio oral, os saberes comunais transmitidos de xeración e xeración, construídos colectivamente, na creación musical contemporánea, con todo o que isto implica en canto a distribución, visibilidade e comercialización". "Porque é evidente", engade, "que hai un debate aberto sobre a propiedade e o recoñecemento de toda a cadea, pero tamén sobre a xestión emocional deste momento histórico que estamos a vivir en torno á música tradicional".

Para González, a xornada "é unha oportunidade única para reflexionar sobre o valor do patrimonio oral como alicerce fundamental da nosa identidade colectiva, pero tamén sobre a necesidade de reinterpretalo desde unha perspectiva contemporánea". "Con esta nova cita de 'A Cultura é un dereito', apostamos por crear espazos que fomenten o diálogo entre a memoria e as canles máis novas para mantela viva".

Manual de boas prácticas

O día 19, a avogada Ania González e a etnomusicóloga Xulia Feixóo presentarán o relatorio Manual de boas prácticas: marco legal e proposta de xestión da música de tradición oral; seguirá unha mesa redonda sobre ese tema na que participarán Jaume Ayats, profesor de etnomusicoloxía na Universidade Autónoma de Barcelona; Ramom Pinheiro, editor en aCentral Folque; Adrián Méndez, músico en De Ninghures, e  as propias Ania González e Xulia Feixóo.

O día 20 a xornada presenta unha conversa entre o músico e antropólogo Raúl Rodríguez e o antropológo Rafael Quintía sobre Cultura local no mundo global: xestión emocional da chegada da música de tradición oral ao mainstream. A seguir, Xulia Feixóo e Guillerme Ignacio conversarán sobre Boas prácticas no traballo de campo: ética e coidado no trato coas informantes.

O día 21, finalmente, as xornadas rematarán coa presentación dunha experiencia catalá: Càntut. Cançons de tradició oral, a cargo de Francesc Viladiu co-director do proxecto, e cunha mesa redonda sobre Metodoloxía e xestión dos arquivos da música de tradición oral na que participan Concha Losada, do Arquivo do Patrimonio oral da identidade; Quique Peón. Compilador e mestre; Rubén Troitiño. Músicas da Terra de Montes; e Francesc Viladiu. O programa remata coa presentación do Cancioneiro galego serodio (1989-2012) por parte do compilador e músico Xabier Díaz.

A asistencia a relatorios, mesas redondas e visitas guiadas que completan o programa -ao Arquivo Sonoro da Galiza, do Consello da Cultura Galega, e ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, do Museo do Pobo Galego- é de balde, con inscrición previa, que se poderá formalizar na web das xornadas (aculturaeundereito.gal), até as 16 horas do 18 de marzo.