Xabier Díaz homenaxea as cantareiras con 54 mostras recollidas ente 1989 e 2011
O músico e investigador da tradición galega Xabier Díaz vén de avanzar o primeiro dunha colección de 54 vídeos que recollen o patrimonio inmaterial das cantareiras galegas, un traballo realizado entre os anos 1989 e 2011.
A iniciativa, que coincide coa dedicatoria das Letras Galegas 2025 ás cantareiras, ao cancioneiro popular e ao patrimonio oral transmitido de xeración en xeración, é unha homenaxe ao labor e á xenerosidade de todas as persoas que gardaron e compartiron a riqueza da música galega e o baile tradicional. A primeira achega, dispoñíbel este 10 de xaneiro, preséntanos a Rosa e Aida Garrido, gravadas en Moscoso, Pazos de Borbén (comarca de Vigo), en xaneiro de 1998. Interpretan Canto de sachar o millo. Eis un pequeno adianto!
🥁 Xabier Díaz homenaxea as cantareiras con 54 mostras recollidas ente 1989 e 2011
— Nós Diario (@NosDiario) January 9, 2025
🎥 Rosa e Aida Garrido interpretan 'Canto de sachar o millo' en Moscoso, Pazos de Borbén (comarca de vigo), en xaneiro de 1998https://t.co/98o2XeLZ1v pic.twitter.com/sWkp8MKvKl
Medio millar de entrevistas
O músico empezou a ter un contacto con ese mundo que lle fixo reflexionar sobre a tradición, a música, o baile e que o converteu nunha especie de aventureiro, "case un personaxe dunha novela de Julio Verme" ao que lle van ocorrendo todo tipo de anécdotas e circunstancias.
As gravacións realizáronse de forma extensa en toda a Galiza, percorrendo tamén outros territorios limítrofes como os Ancares Leoneses, Zamora ou Asturias. Visitaron parroquias e volveron a outras especialmente fértiles como Bergantiños, Mondariz, Soutomaior, Os Ancares ou as comarcas da Limia, Verín ou Viana.
Nun total de ao redor de 500 entrevistas atoparon persoas que lles indicaban novos nomes de cantadeiras, bailadoras e bailadores e músicos, alimentando así, de forma natural, unha rede de recoñecemento que excedeu ás propias fronteiras galegas.
Os vídeos, que mostran diferentes manifestacións do folclore local, inclúen instrumentos característicos de cada zona: as tixolas en Ourense, as latas nas zonas de montaña, as 'pandeiras' nos Ancares ou os 'pandeiros' en Pontevedra e Soutomaior.
Xabier Díaz, que naquel momento era docente, explica que gravaban o material, clasificábano e ensinábano á xente que ía ás clases. "A publicación destas mostras son unha sorte de homenaxe, de celebración e de gratuidade polo que toda esa xente regalounos", explica Díaz.
Tributo semanal ás cantareiras
O músico considera que este ano, no que se dedican as Letras Galegas ás cantadeiras, resulta o momento ideal para presentar esta colección, feita con todo o agarimo e respecto, e que destaca o papel das mulleres na transmisión da tradición e musical ao longo das xeracións.
Os vídeos serán difundidos nas redes sociais de Xabier Díaz cada sexta feira ao longo de 2025, nunha acción que permitirá mostrar semana a semana o legado destas mulleres e poñer en valor a súa contribución á cultura galega.

