O Día das Letras Galegas 2025 dedicarase ao cancioneiro popular galego

A candidatura inclúe as cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar.
Adolfina Casás Rama fotografada pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth na Vila da Igrexa. (Foto: Fondo Schubarth-Santamarina. Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego)
photo_camera Adolfina Casás Rama fotografada pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth na Vila da Igrexa. (Foto: Fondo Schubarth-Santamarina. Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego)

A Real Academia Galega dedicará no ano 2025 o Día das Letras Galegas ao cancioneiro popular galego. Así o decidiu o pleno da institución, reunido esta sexta feira en sesión ordinaria, e anunciouno, en rolda de prensa, o presidente da institución académica, Víctor F. Freixanes. Esta proposta de poesía oral, impulsada pola académica Ana Boullón, xa concorrera o ano pasado, no que finalmente se homenaxeou Luísa Villalta.

Nesta candidatura están incluídas as cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar. "A lingua galega continuou viva e vizosa durante séculos, malia as prohibicións e a súa desaparición do espazo oficial, porque o pobo galego a custodiou. En particular as mulleres preservaron a lingua e crearon anonimamente unha poesía popular transmitida nas cantigas das avoas ás netas, das nais ás fillas, dunhas veciñas a outras", salienta a proposta aprobada.

Cantareiras e pandeireteiras xorden no contexto das rogas, os traballos de axuda mutua entre a veciñanza da sociedade labrega, na que a conclusión desas tarefas se celebraba con música e baile. Pero cando a finais do século XIX os coros compilaron as músicas populares, a imaxe que se fixou como icona foi a do gaiteiro que, acompañado co tambor, exercía o seu oficio no espazo público, ignorando as achegas da cantareiras e pandeireteiras, relegadas á esfera privada. Por iso, aínda habendo un enorme número de mulleres que compuxeron e transmitiron cantigas populares, a maioría delas permaneceu no anonimato.

Nas últimas décadas do século XX, o traballo realizado pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico fonsagradino Antón Santamarina, autores da recolleita e edición nos anos 80 do século pasado da biblia do noso folclore, o Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié), permitiu identificar informantes como Adolfina Casás Rama (1912-2009), Rosa Casás Rama (1913-2005), tía e sobriña naturais da Vila da Igrexa, lugar da parroquia de Cerceda.

Tamén a principios dos 80 Milladoiro subía aos escenarios a Eva Castiñeira quen, canda a súa sobriña, foi a primeira pandeireteira en actuar cun grupo folk. Antes, dende os primeiros 70, actuarían en palcos folclóricos as Pandeireteiras de Mens. A historia destas cinco mulleres foi recuperada na presente década nun libro de Beatriz Busto Miramontes editado pola Central Folque, selo que editou tamén outro volume sobre Adolfina e Rosa Casás Rama escrito por Richi Casás.

Comentarios