O Partido Galeguista convoca unha grande homenaxe a Castelao en Rianxo

O Partido Galeguista invita a xuntar todas as entidades, asociacións e forzas políticas ou sindicais que se sintan próximas ao maxisterio exemplar do rianxeiro.
Daniel Castelao en Montevideo, en abril de 1943.
photo_camera Daniel Castelao en Montevideo, en abril de 1943.

O domingo día 28 de xaneiro, no Concello de Rianxo, terá lugar a tradicional homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Setenta e catro anos despois do seu pasamento, Castelao continúa sendo a figura principal das ideas que abranguen a totalidade do nacionalismo galego, sendo el, entre outras moitas cousas, fundador do Partido Galeguista. 

O Partido Galeguista da actualidade é quen invita a xuntar todas as entidades, asociacións e forzas políticas ou sindicais que se sintan próximas ao maxisterio exemplar do rianxeiro.

Coa idea de afondar no recoñecemento social e institucional de Castelao como primeiro presidente da Galiza -no exilio americano do Consello de Galiza, constituído en Montevideo, en 1944- diferentes entidades serán recibidas no Concello de Rianxo o día 28 polo actual rexedor e quen foron alcaldes da vila: Adolfo Muíños (BNG), Pedro Piñeiro (PSdeG) e Bravo Frieiro (PSdeG). 

Teñen previsto a súa participación diversas fundacións (Alexandre Bóveda, Otero Pedrayo, Rosalía de Castro, Blanco Amor, Plácido Castro, Penzol, Vicente Risco, Losada Diéguez e Filgueira Valverde) e numerosas entidades do exilio e a emigración.

En representación do Partido Galeguista participan: Francisco López Franco 'Chesqui', Luís González Tosar, Antonio Moure e Ana Vila. A intervención central do acto estará a cargo do xurista Xoán Antón Pérez Lema, responsábel do argumentario político e xurídico na redacción do documento que promoveu a resolución institucional para a Declaración de Castelao como primeiro Presidente de Galicia e precursor do noso autogoberno. Antón Mascato, editor, e Xan Leira, cineasta, serán os mantedores do acto. 

Comentarios