Ourense exhibe a abstracción radical de catro artistas

A sala Alterarte, da Universidade, expón a mostra 'Clinamen'.
Obras de María Puertas.
photo_camera Obras de María Puertas.

O espazo expositivo do campus de Ourense, da Universidade de Vigo, a Sala Alterarte, exhibe, até o vindeiro 17 de novembro, Clinamen. Catro propostas de abstracción radical. A mostra, comisariada por Manolo Figueiras, conta con obras dos artistas ourensáns Alejandro Caporale (La Plata, 1972), Antonio Fernández Seoane (Ourense, 1973), María Puertas (Ourense, 1973) e Antonio Soria Rocafort (Alcalá de Henares, 1953), o de máis longa traxectoria dos catro. 

Con ela arranca tamén a coordinación desta sala a cargo do artista e profesor da Facultade de Educación e Traballo Social Javier Blanco Sierra, que desenvolverá ao longo deste curso académico o ciclo expositivo Recipro-Edadic. Nesta nova etapa de Alterarte buscarase potenciar a súa “permeabilidade” coa contorna. 

Clinamen, explican desde a súa organización, foi o nome que o filósofo Lucrecio, seguindo as teorías de Epicuro, propuxo para nomear “a impredicíbel desviación que experimentan os átomos e que constitúe unha moi temperá achega ao problema do libre albedrío, asunto capital na filosofía moderna e contemporánea”. 

Vencellados a Ourense

Xogando con este significado, é tamén a palabra escollida como título para esta mostra que, apuntan, reúne a “catro artistas nacidos ou vencellados a Ourense e que veñen desenvolvendo a súa actividade desde as últimas décadas do século XX e as primeiras do XXI”. Ademais os catro comparten na súa traxectoria creativa o feito de "ver na pintura unha vía de expresión prioritaria e compaxinar ou alternar as linguaxes abstractas coas figurativas", cada un cun estilo diferenciado. 

Todos e cada un deles, engaden, teñen levado a cabo nalgún momento da súa traxectoria "propostas de abstracción radical que esta mostra pretende someramente rexistrar".  

Comentarios