Oliver Laxe, Lois Patiño, Diana Toucedo e Lucía Estévez estrearán no Play-Doc

O festival desvela os títulos da sección competitiva 'Galiza' con estreas galegas e internacionais. 
Fotograma de 'Tatuado nos ollos levamos o pouso', de Toucedo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fotograma de 'Tatuado nos ollos levamos o pouso', de Toucedo (Foto: Nós Diario).

O Festival internacional de cinema de Tui, Play-Doc, regresa tras dous anos de pandemia con forza e renovadas enerxías, aumentando considerabelmente o número de películas e sesións con maioría de estreas. Esta sexta feira, a organización presentou os contidos principais da programación así como os títulos das películas galegas que se poderán ver no certame, nun acto realizado nunha das sedes principais do certame tudense: o Teatro Municipal de Tui

Estreas desta edición

A selección galega deste ano mostrará en estrea oficial na Galiza os filmes de Lois Patiño (O sembrador de estrelas, 2022), Diana Toucedo (Tatuado nos ollos levamos o pouso, 2022), Carla Andrade (Ningún río me protexe de mín, 2021), Andrés Goteira (Welcome to ma maison, 2022), Lucía Estévez (O niño dos paxaros, 2021), David Varela (Un ceo impasíbel, 2021), Nerea Barros (Memoria, 2021) ou David Vázquez (O último de Arganeo, 2022). 

Tamén se poderán ver as obras recentes de Oliver Laxe (O futuro é das cabras, 2021), Enar de Dios (Liquid Ground, 2021), Simone G. Saibene (Escribir o imposíbel, 2021),  así como as películas O que queda (2022) de Alejandro Rodríguez e O ceo é azul cunha soa nube (2021) de Fernando Areal, que será a primeira vez que se proxecten oficialmente, xa que elixiron Play-Doc para realizar as súas estreas mundiais.

Ademais, fóra de competición, Play-Doc abrirá a súa sesión inaugural coa película dirixida por Lois Patiño e Matias Piñeiro, Sycorax, tras a súa estrea mundial na pasada Quincena de Realizadores do Festival Internacional de Cinema de Cannes e que terá a estrea galega no festival de cinema de Tui. 

Estreas estatais

Na sección competitiva de longametraxes estrearanse Arnaud des Pallières (Journal d'Amerique, 2022), Zhengfan Yang (Footnote, 2022), Olivia Rochette e Gerard-Jan Claes (Kind Hearts, 2022), Philip Scheffner (Europe, 2022) e Raul Domingues (Terra que Marca, 2022).

Na categoría de curtametraxes internacionais poderase ver Agrilogistics (2022) de Gerard Ortin Castellví. Competirá tamén Caught in the Rain (2021) de Elie Maissin e Mieriën Coppens; a produción francesa Silabario (2021) de Marine de Contes, así como Policephaly in D (2021) do realizador Michael Robinson. Destaca, por último a estrea do prestixioso cineasta francés Jean-Claude Rousseau que presentará Le Tombeau de Kafka (2022).

Comentarios