A oboísta Iria Folgado presenta o seu debut discográfico, 'Ecos de Breogán'

Ecos de Breogán é o debut discográfico da oboísta Iria Folgado (San Sadurniño, 1996), solista de corno inglés en Konzerthaus Orchester de Berlín. Unha travesía polo repertorio de música de cámara para óboe composto nas illas británicas no primeiro terzo do século XX por Benjamin Britten, Ralph Vaughan Williams, Arnold Bax e pola compositora Elizabeth Maconchy, xunto á creación contemporánea do galego Fernando Buide del Real.

Iria Folgado. (Foto: Alicia Seoane)
photo_camera Iria Folgado. (Foto: Alicia Seoane)

A oboísta Iria Folgado presentou onte na Coruña o seu primeiro disco, Ecos de Breogán, no que percorre o repertorio de música de cámara para óboe composto nas illas británicas no primeiro terzo do século XX por Benjamin Britten, Ralph Vaughan Williams, Arnold Bax e Elizabeth Maconchy, inspiradas polos costumes celtas, a cultura irlandesa e o mito de Breogán, xunto á creación contemporánea do galego Fernando Buíde del Real. 

Segundo as lendarias tradicións irlandesas, Breogán foi un rei celta da Galiza que construíu unha alta torre en Brigantia, a actual cidade da Coruña. Dende o alto desta torre, o seu fillo Íth albiscou as illas británicas ás que partiu para alcanzar unha nova terra. Os costumes celtas e a cultura irlandesa cativaron ao compositor Arnold Bax, amante da poesía de William Butler Yeats, influencias que quedaron de manifesto no seu Quintet for Oboe and Strings a través das solemnes melodías iniciais xunto ao carácter festivo da xiga irlandesa que conforma o terceiro movemento da obra. 

Ao comenzo dos anos trinta, o óboe viviu unha importante promoción no seu recoñecemento como instrumento solista no marco de dous concursos de composición de música de cámara: se o primeiro estivera impulsado polo industrial e melómano Walter Willson Cobbett, do que sairía vitorioso Benjamin Britten co súa Phantasy Quartet Op.2 para óboe, violín, viola e violonchelo; o segundo foi convocado por The Daily Telegraph e elixiu entre as súas partituras premiadas ao Quintet for Oboe and Strings de Elizabeth Maconchy. Ambas obras foron estreadas de forma inmediata por Léon Goossens e Helen Gaskell respectivamente.

Un dos retos desta xeración foi a ruptura coa estética imposta dende a Europa occidental e a procura dunha identidade musical propia, inquietude que levou a Ralph Vaughan Williams a realizar recolleitas na campiña británica gravando e transcribindo o seu folclore natal. Destas investigacións naceron os Six Studies in English Folksong compostos orixinalmente para cello e piano, sendo arranxados posteriormente para corno inglés e cuarteto de cordas por Robert Stanton.

Esta travesía sonora finaliza co galego Fernando Buide del Real, activo compositor da escena contemporánea internacional. En 2021, a partir dun Cuarteto de corda anterior en catro movementos, Buide del Real arranxou para Iria Folgado o Adagio para corno inglés para a súa interpretación no festival Música no Claustro na Catedral de Tui.

En Ecos de Breogán, Iria Folgado lidera unha formación de cámara integrada polas violinistas Raquel Areal e Sara Areal, xunto a viola de Héctor Cámara e o violonchelo de Iago Domínguez.

Iria Folgado

A oboísta galega Iria Folgado naceu en San Sadurniño (A Coruña) en 1996 e na actualidade é solista de corno inglés na Konzerthaus Orchester de Berlín, baixo a dirección artística de Joana Mallwitz, orquestra coa que ten interpretado destacados pasaxes solistas como o Concerto para piano de Maurice Ravel ou a Sinfonía fantástica de Hector Berlioz. 

A súa formación musical iniciouse no Conservatorio Profesional de Música “Xan Viaño” de Ferrol e realizou cursos de especialización instrumental con Christina Dominik na Escola de Altos Estudos de Santiago de Compostela. En 2014 trasladouse a Alemaña co apoio da Deputación de A Coruña para realizar os seus estudos superiores con Dominik Wollenweber na Hochschule für Musik “Hanns Eisler”, ao que se sumaron as becas da Fundación Alexander von Humboldt e Excelencia Musical do Consorcio para a promoción da música de A Coruña. 

Entre 2019 e 2021 foi academista na “Karajan Akademie” da prestixiosa Berliner Philharmoniker, momento que lle permitiu vivir grandes vivencias orquestrais baixo a batuta de Simon Rattle, Kirill Petrenko, Iván Fischer, Andris Nelsons ou Daniel Harding. A estas experiencias súmanse ás xiras internacionais coa propia Konzerthaus Orchester en Xapón, ou as recentes colaboracións en Mumbai coa Symphony Orchestra India baixo a batuta de Zubin Metha, ou percorrendo diferentes cidades suízas coa European Philharmonic of Europe dirixida por Charles Dutoit e a pianista solista Martha Argerich. 

En paralelo a esta destacada traxectoria internacional, Iria Folgado mantén un compromiso firme coa súa terra natal colaborando coa Orquestra Sinfónica de Galiza, coa que participou na xira a Abu Dabi en 2016, así como a Orquestra 430 e a Orquestra de Cámara Galega, coas que ten ofrecido concertos como solista.

Actuou na primeira edición do Festival Internacional de Música Clásica de Vilagarcía de Arousa “clasclás” e entre 2021 e 2023 é artista residente do festival Música no Claustro, experiencia da que nace a gravación do disco Ecos de Breogán (Poliédrica 2023) co apoio das Axudas Creación INJUVE 2022-2023, ao que se suma o recente recoñecemento da Xunta de Galiza co Premio Talento Mozo Galicia 2023, na modalidade de cultura e creación, da Consellería de Política Social e Xuventude. 

Comentarios