Nova exposición sobre as identidades en Pontevedra

Obras de nove artistas e estudantes propoñen “un percorrido” arredor da “autopercepción, o corpo, o fogar e a memoria”, 
Unha das salas da exposición.
photo_camera Unha das salas da exposición.

As reflexións do alumnado da Facultade de Belas Artes, en Pontevedra, sobre a identidade, o corpo e as orixes, mais tamén sobre a memoria, a familia e o descoñecido conflúen na nova exposición que nestas semanas acolle a sala O Abrigo, a antiga cafetaría da facultade. Até o vindeiro día 20 de febreiro poderá visitarse neste espazo a mostra Identidades, que reúne os traballos de nove estudantes e que foi coordinada pola agrupación artística Refugallo, integrada tamén por alumnado da facultade, que nas últimas semanas impulsaba así mesmo un proxecto de comisariado e creación de murais en diferentes puntos da Galiza. 

Nunha mostra na que "predominan o papel e o téxtil como soporte expresivo", así como o traballo coa fotografía, a serigrafía ou a subilmación, reúnense as creacións de Alba Pino Gregores, Ana de Juana, Blanca Castro Ponce, Laura David Cividanes, Luisa Caperán, Marta Potter, Mónica Lago, Taro e Xoana Abraira, alumnos e alumnas do último curso do Grao en Belas Artes. 

 

Percorrido arredor da autopercepción

"A mostra traza un percorrido desde o retrato até o lugar, dende a propia identidade até o rexistro desta na paisaxe", sinalan desde a agrupación Refugallo respecto dunha mostra na que as obras destes nove artistas e estudantes propoñen "un percorrido" arredor da "autopercepción, o corpo, o fogar e a memoria", que parte da identidade propia para logo reflexionar tamén "sobre a familia e incluso sobre o descoñecido das identidades alleas".  

Despois de que os procedementos abertos para adxudicación do servizo de cafetaría da facultade quedasen desertos, desde o Decanato acometeuse o pasado curso un acondicionamento deste espazo para convertelo nunha sala na que se poidan organizar exposicións ou talleres. 

 

Comentarios