O noso, para coñecer e gustar

Primeiro en Allariz, logo en Ribadeo, Santiago, Lugo, Vigo e Ferrol. A Asociación Galega de Viticultura bota a andar nesta terza feira as xornadas “Proba e Saborea do noso”, un programa para para coñecer o mundo que hai arredor dos nosos produtos. E para saborealo. 

Ribeira Sacra (AGV)
photo_camera Ribeira Sacra (AGV)

Que hai detrás dunha botella de viño ou unha peza de queixo? A esta pregunta queren dar resposta as xornadas “Proba e Saborea do Noso”, unha proposta da Asociación Galega de Viticultura que leva a seis localidades do país unha iniciativa para achegarnos á “dimensión intanxíbel” dos produtos agroalimentarios. 

Allariz inicia os días 13 e 14 o percorrido dunha iniciativa que descubre,  detrás dos produtos que consumimos, “o sentido das paisaxes, das pedras, do noso patrimonio milenario, das historias das súas xentes”. Elementos todos que garda o sabor do viño ou o aroma do queixo, a orixe e a cultura que se agochan detrás da gastronomía que se produce na nosa terra. 

“Xa non ten ningún sentido, por exemplo, falar dun viño calquera das nosas Denominacións de Orixe sen apelar ao contexto eterno das terras e persoas, ou dos seus roteiros para viaxeiros e visitantes” explican no programa e diso, dáse boa conta en Allariz e, a seguir, en Ribadeo, Santiago, Lugo, Vigo e Ferrol, as outras localidades nas que a Asociación Galega de Viticultura desenvolve o programa. 

Coa colaboración do Concello de Allariz, a Federación Rural Galega, a Rede Galega de Empresas e a Asociación Galega de Sumilleres, o programa iníciase este martes ás 19.30 co coloquio “A promoción e expansión dos noso sabores acó e aló” no que participan o historiador Clodio González, o xerente da adega Alan, Joaquín Sánchez, o xerente da Rede Galega de Empresas, Manuel Vázquez e a xerente do Grupo de Desenvolvemento Avinza, Eva González. A seguir terá lugar unha cata de viños comentada polo enólogo Manuel Sánchez. 

O 14, a xornada comezará ás 11.30 coa degustación maridaxe de tapas e viños dirixida por Marina García, da Asociación Galega de Sumilleres que terá a súa continuidade á tarde cando, entre 19 e 23 horas se desenvolva unha cata e degustación expansiva en 14 locais de hostalaría de Allariz nos que se poderán degustar queixos e viños de denominación de orixe e indicacións xeográficas protexidas. 

Para Xosé Manuel Vilas, un dos seus promotores, con “Proba e saborea do noso” búscase “ademais de convidar a consumir os nosos produtos, transmitir unha serie de experiencias, de sensacións do propio territorio, a súa paisaxe e a cultura, achegar, en fin, o que hai detrás dunha botella de viño ou un queixo”.

Comentarios