Néstor Goyanes reflexiona sobre a emigración no Museo do Gravado de Ribeira

Goyanes dialoga coa memoria dun pobo emigrante nas súas obras.
Goyanes, nado en 1960 en Bos Aires con devanceiros galegos, amósanos, na riqueza do seu mundo gravado, o diálogo dos inmigrantes coa súa terra orixinaria a través das cartas, dos sobres, das fotografías, mais tamén un mundo emocional de recordos, saudades, dificultades e experiencias.

O Museo de Gravado de Artes vén de inaugurar a exposición Soñar ou encontro: cartas ao mar, onde o artista Néstor Goyanes convida os espectadores a embarcarse nunha viaxe emocional, histórico e cultural centrada no éxodo galego.

Xoán Pastor Rodríguez, director do museo, explicou que a mostra estabelece un profundo vínculo entre a comunidade galega e a experiencia migratoria. No seu discurso, destacou a arte como un nexo que une tanto a Galiza territorial como á diáspora galega, utilizando unha mirada orixinal lograda a través de recreacións de cartas.

Néstor Goyanes, nado en 1960 en Bos Aires con devanceiros galegos, amósanos, na riqueza do seu mundo gravado, o diálogo dos inmigrantes coa súa terra orixinaria a través das cartas, dos sobres, das fotografías, mais tamén un mundo emocional de recordos, saudades, dificultades e experiencias. Nada desaparece de todo e ese mundo fragmentario que nos causa estrañeza, logra fixar a nosa atención, provoca a nosa emoción e a nosa lembranza, quen non tivo en Galicia familia na emigración? 

 

A identidade dun pobo emigrante

A través de técnicas como a xilografía, a litografía, as colaxes, o stencil, o artista dialoga coa súa creatividade, cos seus recordos, mais tamén cos nosos: sentímonos mergullados nun mundo que fai vibrar as cordas da memoria, da identidade de pobo emigrante e, ao tempo, con profundas raíces no mundo orixinario, o noso humus, o vencello imposible de rachar, o noso senso telúrico.

"Sen memoria, que somos? Dinnos que a identidade se forxa nos recordos que atesouramos, nas historias que nos conmoveron e nas experiencias que nos mobilizaron", declara o propio Goyanes nun texto redactado para a exposición. "No proceso creativo, máis que dominar técnicas e oficios, é fundamental ter algo que dicir, algo que nos impulse a explorar as nosas emocións e plasmalas na nosa obra. Para min, este proceso creativo é como un ciclo vital, tan esencial como a alimentación mesma".