Contracultura

Xesús Fraga: "Había moitas mulleres que emigraban soas ou que collían a iniciativa e logo levaban ao mozo"

Xesús Fraga (Londres, 1971) é o comisario de As xeracións do Montserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido, unha exposición que estará aberta ao público até o 14 de xaneiro no Kiosco Alfonso (A Coruña).
Xesús Fraga é xornalista e escritor (Distrito Xermar) (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xesús Fraga é xornalista e escritor (Distrito Xermar) (Foto: Nós Diario).

—Por que tiña ese interese polo Montserrat?
Hai tres anos publiquei un libro que recollía a memoria e a migración da miña familia, Virtudes (e misterios) (Galaxia). Revisando un álbum de fotos atopei unhas imaxes da miña nai e a miña avoa na cuberta dun barco no que se lía perfectamente Montserrat e, falando con outras persoas que marcharan ao Reino Unido arredor desa época, mencionaban moito ese barco. Cando entrei a formar parte da Comisión Técnica do Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega fixen a proposta de armar un traballo sobre esa travesía, sobre esas persoas que embarcaban cara un país do que non sabían practicamente nada.

A maioría nin sequera viaxara nunca en barco nin ao estranxeiro. Parecíame moi interesante para indagar sobre como era a emigración naquel momento, sobre todo no que respecta á parte emocional: que medos tiñan, as circunstancias que levaran a esas persoas a marchar, que sabían do país, que levaban e que traían. Logo ademais tamén fomos ampliando o foco para indagar sobre como era a vida aló e as relacións que estabelecían. 

—Centrándose no aspecto emocional, como recolleu todo o material que está na exposición?
Comecei sentándome coas persoas cun cuestionario e ía guiando a conversa, que quedaba gravada. Durante a mesma ían aparecendo detalles ou anécdotas, mais tamén frases que encerraban en si mesmas moita verdade. Un home que migrou con 14 anos dicía que, a medida que o barco Montserrat se ía afastando da Coruña, ía vendo á xente cada vez máis pequena e á cidade, máis grande. Tamén falei cunha muller que estivo emigrada mentres o mozo facía o servizo militar, e ela estaba contentísima aló porque dicía que gañaba moitos máis cartos dos que gañaría na Galiza. Traballaba nun hospital psiquiátrico, no servizo de limpeza, e contaba que na España daquel momento as mulleres non tiñan o grao de liberdade que ela vía nas mulleres inglesas. Iso inspiráballe ilusión e optimismo e gozaba véndose nese ambiente.

Cando o mozo rematou o servizo díxolle que se quería casar tiña que volver á Galiza, polo que os últimos meses que estivo aló dedicouse a facer o enxoval. Nel, había un xogo de té que é o que amosamos na exposición. E, falando deses obxectos que recollen a historia destas persoas, está o caso dun matrimonio que migrou. Naquel momento as autoridades migratorias do Reino Unido non permitía a entrada de descendentes.

Este matrimonio tiña unha filla, bebé, e non só tiveron que facer un papel conforme declaraban que non tiñan descendencia, senón que ao chegar ela tamén foi sometida a un exame médico. Nese momento, ela estaba segura de que se decataran da súa maternidade, mais aínda así deixáronos pasar. O caso é que mercaron unha cámara de fotos que utilizaban para fotografar a súa filla cada vez que regresaban á Galiza, porque pasaban 11 meses separados dela. Cando a nena cumpriu tres anos decidiron á Galiza e regaláronlle a cámara, que agora está exposta nesta mostra. 

—Que patróns comúns hai nestas historias?
Hai un pouco de todo, xente que estivo uns anos ou até que naceron os fillos, mais tamén hai persoas que aínda seguen a cabalo entre un país e outro desde hai 50 ou 60 anos. Isto contrasta coa emigración americana porque pasar uns meses aló e volver era máis difícil, non só pola distancia, senón tamén polos cartos que requiría facer a viaxe.

Ademais aquí tamén se deu unha circunstancia moi interesante, que é a alta porcentaxe de mulleres que emigraban soas, ben solteiras ou ben que non agardaban a que emigrara o seu home. Moitas delas collían a iniciativa e logo levaban ao mozo, que foi o caso de miña nai, por exemplo. Iso para moitas mulleres fixo moita diferenza. Tamén sería interesante facer o traballo de comparar a situación destas persoas coas que emigraron a Suíza ou Alemaña. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios