CONTRACULTURA

Xoán Pastor Rodríguez: "Somos un museo máis coñecido fóra da Galiza que aquí e colaboramos con moitos países"

Xoán Pastor Rodríguez (Xuño, Porto do Son, 1973) é o director do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, situado en Ribeira (comarca do Barbanza). A institución vén de ser galardoada co Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Visuais.
Pilar Seoane, Javier Expósito, Luís Pérez, Xoán Pastor Rodríguez e Antía Alberte. (Foto: Cedida)
photo_camera Pilar Seoane, Javier Expósito, Luís Pérez, Xoán Pastor Rodríguez e Antía Alberte. (Foto: Cedida)

— Como valora o percorrido do Museo, inaugurado en 2001?
Creo que está sendo un camiño moi frutífero, especialmente desde o ano 2017, aínda tendo en conta o paro da pandemia. Foi un percorrido continuado e en ascenso. Somos un museo máis coñecido fóra da Galiza e da comarca do Barbanza que aquí realmente, porque colaboramos con moitas institucións e museos a nivel internacional.

Temos obra en Portugal, México, Francia e Xapón. Ademais, organizamos o Premio Atlante de Gravado, no que participan arredor de 400 persoas de todo o mundo. En 2017, cando eu me fixen cargo da dirección do Museo, quixen mudar o enfoque. Antes estaba orientado como unha institución relacionada co mundo da universidade e do estudo da historia do gravado. A partir dese ano quixemos darlle unha apertura a todas as institucións, tanto locais como internacionais, e que o gravado non fose só unha sección da arte. A idea era que o gravado se convertese nunha parte máis do mundo da historia da arte. Este premio é un recoñecemento importante tanto para a fundación do museo como para o propio museo despois de case 23 anos realizando todo tipo de actividades.

— Esta difusión máis aló do mundo universitario levou a unha maior visibilidade?
Si, e sobre todo o feito de colaborar con outras institucións e asociacións. Ao final, foi abrir o Museo a actividades que non había. Antes de ser o director eu xa colaboraba co museo facendo unha colectiva de arte na que participaban arredor de 200 artistas da comarca. Titúlase "Barbantiarte" e faise cada dous anos para reunir artistas cunha traxectoria importante, mais tamén artistas noveis e estudantes de calquera disciplina artística -gravado, pintura, performance, escultura-. Durante dous ou tres meses estas persoas quedan nas salas do museo para levar a cabo un encontro e un intercambio de ideas e experiencias. Isto tamén fixo que a institución se abrise máis ao mundo da comarca e da contorna e tivese un maior impacto nela. 

— Alén da exposición e difusión das obras, o Museo tamén leva a cabo obradoiros para a promoción da creación artística. Cal é a acollida que teñen?
Estes obradoiros comezaron a facerse a comezos de 2018 e desde entón xa levamos 17. Realizamos cursos de gravado de distintas disciplinas, tanto para recuperar aquelas máis antigas como poden ser o gravado a pluma ou a augaforte, así como outras máis novas como o fotogravado ou o gravado 3D, onde realizamos tamén o propio papel durante a formación. Son cursos nos que comezamos con pouca xente, mais que agora pasan das 200 inscricións. De feito, moitas veces atopámonos con limitacións á hora de atender unha demanda así, xa que no taller non caben máis de 12 persoas.

Cando remata o curso organizamos unha exposición sobre a temática ou a disciplina impartida e iso tamén achega cada vez máis xente aos nosos talleres. Así é que comezamos con xente da Galiza e agora o alumnado tamén vén de Barcelona, Euskadi, Madrid, Salamanca ou Badaxoz. Moitas destas persoas forman parte do profesorado de facultades de Belas Artes, mais tamén contamos con outro tipo de alumnado: estudantes de Belas Artes, artistas doutras disciplinas ou simplemente persoas que non teñen nada que ver coa arte pero que queren achegarse ao gravado e ás súas técnicas para entender mellor as obras.

Comentarios