'Mar de Cultura' decorre entre o 2 e o 6 de decembro

A música en directo volve até o Museo do Mar da Galiza de Vigo

A secretaría xeral de Política Lingüística da Consellaría de Cultura e mais o Museo do Mar da Galiza organizan un ciclo de concertos para o que contan coa presenza de Ugía Pedreira, Guadi Galego, Silvia Penide ou Emilio Rúa, entre outros.
GRUPAL37_web
photo_camera Imaxe de portada da banda De Vacas. (Foto: De Vacas)

Ás 18 horas do serán da cuarta feira, a cantante Ugía Pedreira, A Pedreira, abría o ciclo de concertos Mar de Cultura, que até o domingo 6 de decembro se desenvolve no Museo do Mar da Galiza, en Vigo.

Na xornada de mañá segue a primar a voz feminina, con concerto titulado Mar de mulleres e no que se contará coas actuacións de Felisa Segade (integrante de Tres Pesos), Uxía, Guadi Galego e mais o cuarteto De Vacas. A cita será ás 20horas pero tamén se retransmitirá en liña a través da canle de Facebook do Museo do Mar da Galiza.

Na sexta feira a música pona Ailá, tamén as 20 horas. A formación compostelá integrada por Abel Gañete, Manuele Pardo, Ángela Carou e Xan Pampín que se define como "proxecto artístico inspirado nas recollas históricas que se conservaron na cadea de transmisión oral ata os nosos días".

A banda tamén afirma que trae "unha proposta pensada para bailar e gozar coa música desde un prisma contemporáneo".

Os concertos do sábado e do domingo desenvolveranse en horario de 18 horas e contarán coas actuacións de Silvia Penide e Carla Lópezque levan a Vigo o seu espectáculo Fagamos un bis! Un canto á vida con cancións propias e alleas. Será o día 5 de decembro;mentre que o domingo 6 a quenda de clausura será para Emilio Rúa.

Mar de Cultura é un evento organizado pola Consellaría de Cultura a través da secretaría xeral de Política Lingüística, xunto co Museo do Mar, que pretende constituír "unha cita comprometida coa música, coa lingua, coa cultura e coas artistas que apostan pola promoción do uso do galego desde a súa creatividade", din os organizadores.

A entrada a todos os concertos é libre, até completar a capacidade de local, e tamén é de balde, e cada persoa pode retirar dous billetes.

Comentarios