Caderno de Verán

Uxía: "Aproveitei o confinamento para compor"

Vén de recoller o premio Alecrín que entregou a Fegalcat (Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya) en Castro Caldelas, en recoñecemento ao seu labor divulgador da nosa lingua e da nosa cultura. Asistiu a este evento "moi orgullosa porque o entrega xente galega que está a vivir en Cataluña e que tamén fai moito pola nosa identidade", asegura a artista.
uxiasenlle
photo_camera Uxía fotografada por Rita Alonso.

Este verán atípico a Uxía tamén se lle cancelaron concertos, "unha mini-xira en México, cousas que se adiaron até 2021... Pero tamén xurdiron concertos aquí na casa e en Portugal, que é coma estar na casa", comenta.  Como ela mesma conta participou "nunha versión inédita do Festival de Pardiñas, que se repartiu en varias parroquias de Guitiriz", formou parte do Festival TerraCeo, onde tocou xunto a António Zambujo e Javier Ruibal, e con este último ofreceu tamén unha sesión vermuth no Náutico do Grove.

"O 16 de agosto estarei en Cee e o 21 abrirei as festas de Ferrol, se todo vai ben", puntualiza a cantante, que tamén destaca escoller as citas en función da seguridade que éstas ofrecen. Porque a sombra dun segundo confinamento non se disipa pero cando falamos sobre o primeiro, Uxía asegura que o levou "bastante ben, na casiña dos meus pais, con espazo para pasear...

Aproveitei para miran para dentro de min, compoñer e escribir moito". "O confinamento veume ben para non andar a correr dun lado para o outro, para saber onde tiña a miña vida e darme conta de que as miñas raíce3s están aquí, en Sanguiñeda", conta. 


Como outras moitas colegas, tamén fixo uso das redes para chegar ao seu público, "foi un proceso moi técnico no que fun mellorando, ao principio é estrano pero a inmediatez tamén ten o seu valor e cheguei a divertirme". Uxía fálanos dos eventos nos que participou, coma o 1 de maio ou o día das Letras Galegas. "Celebrámolas facendo o vídeo 'A fala' coa plataforma Queremos Galego e coido que tivo moita forza e enerxía, con María Fumaça había dous vídeos sen estrear... A produción continuou".

O 16 de agosto estarei en Cee e o 21 abrirei as festas de Ferrol


No horizonte, un novo disco que quere "gravar o antes posíbel e aproveitar que o podo facer na casa, e rematar o disco de Malvela, do que levo a produción".

Bos noites Sanguiñeda

Así se deron en chamar os improvisados seráns que celebraron durante os meses de confinamento na parroquia natal de Uxía Senlle, no concello pontevedrés de Mos. "Ás oito da tarde saiamos ás varandas e faciamos unha acción superbonita con escaleta e todo", contan Uxía entre risos. "O meu cuñado é actor con Tanxarina e facía os pregóns, eu cantaba algunha canción, meu primo tocaba o saxo...". Unh acción de 20 minutos que empezou a medrar de xeito que "de repente chegaba un saúdo de Guadi (Galego)", comenta a artista, que explica que "era unha maneira de coidar da contorna, de que ninguén se sentise soa" e na que toda a veciñanza podía participar.

Comentarios