Entrevista

Guadi Galego: "A vida está feita de costuras, de cicatrices e de zurcidos"

"E así toda cordura, escose polas costuras", canta Guadi Galego na faixa que abre 'Costuras', o seu último traballo discográfico. Logo de levar o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe con 'Immersion', a compositora atrévese cun álbum que afonda nos territorios do íntimo, desde esa postura sempre reflexiva e plural que a caracteriza, para falar do amor, a dor e outros moitos retallos que nos conforman.  
A cantante e compositora
Guadi Galego. (Foto: Carlos Abal).
photo_camera A cantante e compositora Guadi Galego. (Foto: Carlos Abal).

Aínda que parecen tempos complexos para lanzar un disco, Guadi Galego atrévese con Costuras (Altafonte, 2020). Un álbum persoal e ousado, que xa comezara mesmo antes de sacar Immersion (Boa Records, 2019), que evoluíu durante a xira e rematou "xa en pandemia", coa pegada desta temática en pezas como "Mesta néboa" ou "O que ha chegar", "un canto á resiliencia e que todo vai ir ben", di a compositora.

O título, Costuras, xa fai fincapé nunha auténtica perspectiva existencial da vida como retallos múltiplos.

Sempre pensei que a vida está feita como de costuras, de panos que fan abrigos, de cicatrices e de zurcidos. Mesmo das persoas que a van construíndo. Por iso me parecía un título moi metafórico que podía englobar unha chea de cousas.

E que, por outra banda, enlaza moito coa experiencia das mulleres, ao ser a costura un traballo moi relegado ao feminino, non?

Evidentemente. Se te fixas, os xastres eran os que facían os traxes e as prendas máis glamourosas para os homes, mentres as mulleres cosían todo o que tiña que ver co resto. Quen zurcía eran elas.

Como foi enfrontarse a este proxecto logo dun álbum tan coral como Immersion? Aínda que aquí tamén hai colaboracións, vaia.

Eu nunca teño a sensación de estar soa cando traballo, para min os proxectos sempre son corais. Immersion era absolutamente colectivo e implicaba moita xente, este se cadra un pouco menos. Traballei cóbado con cóbado con Carlos [Abal] e con Vic [Moliner] e Pau [Brugada], que son os produtores, e despois está unha peza cunha cantora catalá amiga miña, Paula Grande, e dúas poetas.

No caso desa participación poética, encarnada por Antía Otero e Marina Oural, por que se decide incluír este rexistro?

No caso de Marina, ela é tamén amiga e pedinlle unha letra. Non é unha poeta que publique libros, está máis relacionada coa poesía ao vivo, é directora de escena, fai teatro e performance ligada aos seus textos... Apetecíame trasladar a súa visión a unha canción miña. O seu poema era ademais fácil de musicar. Que pasou? Tiña adaptada a primeira parte, pero parecíame que quedaba máis serena e collía máis peso recitada por ela.

No caso de Antía Otero, o libro O cuarto das abellas resúltame fermosísimo e escollín ese fragmento porque fiaba perfectamente coa filosofía "Zocos". Creo que ese anaco resume moi ben o que é ese canto á liberdade, vivir a tope sen querer experiencias que nos coarten. As vivencias poden semellar inxustas, mais aínda así non deixan de ser fermosas.

Gostarías de seguir coa lectura? Vai á libraría máis próxima ou entra na nosa tenda online para mercar o Nós Diario de hoxe e terás o texto ao completo. Tamén podes elixir unha das modalidades de subscrición que che ofrecemos!

Comentarios