Música no Claustro homenaxeará o toque manual de campás

O festival presentará sete concertos aos que se engade a a terceira edición do Foro Profesional de Instrumentos Musicais Resonancias.
Campá da catedral de Tui.
photo_camera Campá da catedral de Tui.

Onte presentouse en Tui a 17ª edición do Festival Música no Claustro, que este ano estará marcada pola recente declaración do toque manual das campás como manifestación do patrimonio cultural inmaterial da Unesco. Deste modo, en colaboración da Asociación Campaneiros da Galiza, a organización incluirá unha intervención sonora previa aos concertos facendo vibrar o bronce das campás catedralicias.  

En total, celebraranse sete recitais nos que se poderá gozar do legado oral da música tradicional galega con Davide Salvado, do flamenco con Niño Ruven, ou dos ritmos e melodías da costa oeste de África da que provén a malinense Ballaké Sissoko. Tamén se contará coa participación do percusionista Diego Casado e co trío de jazz liderado pola saxofonista Irene Reig. 

Durante estes días, a Catedral de Tui acollerá tamén dúas residencias artísticas: a da organista Silvia Márquez Chulilla e a oboísta galega Iria Folgada, que regresa ao festival para gravar o seu primeiro traballo discográfico ao carón das irmás tudenses Raquel e Sara Areal. Todos os concertos son de entrada libre.

Resonancias

Dentro da programación do Festival Música no Claustro inclúese, ademais, a terceira edición do Foro Profesional de Instrumentos Musicais Resonancias 23. Terá lugar os días 2 e 3 de agosto co obxectivo de achegar a profesionalización e a divulgación dos oficios artesanais nun diálogo co tecido artístico, de impulsar a investigación e a innovación no ámbito dos instrumentos musicais e de xerar un espazo de intercambio e coñecemento e de creación de sinerxías neste oficio. 

A deste ano é a oitava edición consecutiva do festival que promove a incorporación dos oficios artesáns galegos dentro da programación deste evento musical que é xa unha cita consolidada e de referencia na Galiza. Como en anos anteriores, o Foro está comisariado polo músico e investigador Samuel Diz e centrarase na construción artesanal de instrumentos musicais con especial atención ao emprego de madeiras galegas na artesanía.  

Comentarios