Contracultura

Ana Fariña: "Temos unha cultura arraigada de construción de instrumentos que non hai noutros países"

Ana Fariña, luthier, é a vicepresidenta da Asociación Labra, que reúne profesionais do sector e que xurdiu da primeira edición de Resonancias en 2021, un foro profesional de instrumentos musicais. Fariña aborda a situación específica das mulleres, así como as necesidades xerais do gremio posto que, como ela di, “moi pouca xente é consciente do que son os luthiers e da importancia que teñen na música, na cultura ou na industria”.
A luthier Ana Fariña é vicepresidenta da Asociación Labra (Foto: Nós Diario).
photo_camera A luthier Ana Fariña é vicepresidenta da Asociación Labra (Foto: Nós Diario).

Cales son as necesidades actuais do sector da construción de instrumentos?

É unha longa lista. En primeiro lugar precisamos formación, porque na Galiza estivo ben nalgún momento, mais agora é moi deficiente. As escolas pouco a pouco van fechando e se alguén quere formarse aquí a única vía é ir traballar con alguén a un taller. Isto tamén é un impedimento para solicitar a carta de artesán, porque precisas xustificar unhas horas de formación nunha entidade recoñecida, e se non podes xustificalas tampouco podes solicitar esta carta, alén de que moitos artesáns non están dispostos a ter aprendices no taller. Eu mesma comecei a formarme en Vigo e ao darme de conta de que precisaba máis tiven que marchar ao estranxeiro, como moitas das 
miñas compañeiras. 

Tamén precisamos máis apoio institucional á hora de darnos a coñecer, de ir a feiras fóra ou a través de axudas ou dándonos máis medios. Nós dámonos de conta de que temos moito traballo que facer desde Labra, porque moi pouca xente é consciente do que son os luthiers e da importancia que teñen na música, na cultura ou na industria. 
Por iso tamén nos deu un pouco de mágoa que, na presentación en Culturgal, no público só houbera persoas do sector, aínda que entendemos que sendo o sábado pola tarde, cun concerto programado, a xente ten outras prioridades. 

Formarse no estranxeiro implica a perda de técnicas e vocabulario propio?

Pérdense moitas cousas: materiais, ferramentas, xeitos de traballar, mesmo a conciencia desa tradición do oficio e da importancia que ten. Con todo, tamén se traen moitas outras cousas. Na Galiza, o nivel actual é alucinante.

Temos profesionais no sector de bastante relevancia internacional que, ao mellor, se non foran polo mundo non a terían porque iso dá experiencias, traballos con profesionais que teñen outras formas de facer; créase tamén un diálogo moi enriquecedor que despois volve aquí. E hai que ter en conta que aquí temos unha cultura moi arraigada de construción de instrumentos que non hai noutras partes. Ese é o labor que temos en Labra: dar a coñecer o oficio e que se recoñeza o noso traballo para poder continualo.

No foro de Resonancias fíxose unha mesa redonda sobre a situación específica das mulleres luthiers. Cal é o panorama?

Unha das conclusións ás que chegamos foi que, sendo un oficio masculinizado, hai diferenzas segundo as familias. É moito máis evidente a fenda na construción de gaitas, no mundo da música tradicional, mentres que no caso dos violíns a proporción non é tan dispar. Hai moitas cousas que parecen pequenas, mais que son importantes. Cousas tan parvas como que vaias mercar material de seguridade e só haxa tallas para homes, que non poidamos ter un calzado axeitado ou que pensen que non sabes o que queres e que che expliquen e se crean que axudan cando vas buscar algún material ou ferramenta. 

Foi moi interesante ese debate de Resonancias porque puidemos compartir experiencias de mulleres que xa teñen unha idade e que viviron moitas destas cousas, mais moitos dos nosos compañeiros que estaban no público tamén quedaban sorprendidos.

Hai unha iniciativa chamada Women in lutherie que busca tecer unha rede de contactos entre mulleres do sector para axudarse, apoiarse e que exerzan de mentoras para outras. Ruth Obermayer contábame en concreto dunha guitarreira que leva 40 anos traballando niso e cando lle propuxeron ser mentora de alguén no taller dicía que non tiña nada que ensinar. Esta síndrome da impostora, o non apreciar o teu traballo ou non valorar a túa carreira é outro aspecto moi recorrente. 

Comentarios