XVI edición de 'Música no claustro'

Sons femininos na catedral de Tui

A XVI edición de Músicas do Claustro desenvólvese ao longo desta semana en Tui, creando pontes entre músicas do pasado e do presente e rendéndolle unha homenaxe a Sonia Delaunay, a pintora francesa que, xunto co seu home, Robert Delauney, se refuxiou da Gran Guerra no norte de Portugal e no sur da Galiza.
'Mercado no Minho', de Sonia Delaunay.
photo_camera 'Mercado no Minho', de Sonia Delaunay.

Durante unha semana, Tui transfórmase nun escenario onde a música resoa nun ambiente que pode converter o paseante accidental nun melómano. Música no claustro é, en principio, un festival dedicado á música antiga, mais o seu radar alcanza outras manifestacións sonoras que colocan en contexto a creación sonora. Unha boa proba é a homenaxe que este ano lle rende a Sonia Delaunay, a artista que, xunto co seu marido, Robert Delaunay, atopou un refuxio ante as inclemencias da I Guerra Mundial no norte de Portugal e no sur da Galiza, nomeadamente en Vila do Conde. 

"Tratamos de aproveitar contextos contemporáneos para elaborar o programa", explica a Nos Diario Samuel Diz, intérprete de guitarra, investigador e director do festival que abriu onte Músicas no claustro cun concerto titulado Retratos de muller, cuxo programa homenaxeaba a artista. "Sonia Delaunay era de orixe ucraína e veu aquí fuxindo da guerra" anota Diz. "Agora que volve desenvolverse un conflito bélico nesa parte de Europa, pareceunos interesante recuperar a súa figura e ese episodio da súa vida que, curiosamente, non é moi coñecido, aínda que deixou unha fonda pegada na súa arte". A figura dunha ponte -probabelmente a de Valença- é recorrente nas paisaxes pintadas por Delaunay na época, "e quixemos construír outra ponte entre as músicas do pasado e as do presente a través da obra de compositoras coetáneas como María Teresa Prieto, Emiliana de Zubeldia, Rosita García Ascot -a compañeira de Bal e Gay- ou Elena Romero xunto á contemporánea viguesa Gloria Rodríguez Gil". 

As figuras femininas son protagonistas de moitas das obras de Delaunay, e son figuras femininas -as refuxiadas ucraínas  Iryna Morozova, Darya Bilotserkivska e Salo Viktoriia-Nadiia- as que nesta cuarta feira, día 3, interpretarán un programa de cámara "que quere provocar unha reflexión de xénero sobre o papel das mulleres nos conflitos bélicos como o que está tendo lugar agora mesmo en Ucraína", declara Diz. 

Unha gaita no retablo 

Outra muller, desta vez a guardesa Nadia Vázquez Martínez, será a que protagonice un dos capítulos máis orixinais desta edición do festival, o dedicado á musette, un instrumento de vento que presenta moitas similitudes coa gaita e que tivo un papel importante na música composta na corte francesa durante os séculos XVII e XVIII. O día 4 de agosto, Nadia Vázquez ofrecerá un concerto consagrado a este instrumento que é o resultado dunha residencia artística impulsada por Música no Claustro e á que Nadia Vázquez Martínez convidou o violinista Luis Corral e á gambista Patricia Rodríguez Rivero

"Trátase de dar a coñecer este instrumento, moi pouco habitual e con moi poucos intérpretes profesionais no mundo", comenta Samuel Diz. "Ao tempo, sérvenos para conmemorar os 300 anos do retablo da Expectación da Catedral de Tui, encargado en 1722 ao escultor de Redondela Antonio del Villar, en cuxa iconografía aparece un pastor que toca a gaita nunha escena do Nacemento de Xesús". 

Outras músicas 

A oferta musical de Música no claustro transita tamén por outros camiños: hoxe serán Caamaño & Ameixeiras -o dúo que parte da tradición galega para explorar outras sonoridades- as que tomarán o claustro da catedral tudense. 

O día 5 serán o acordeonista João Frade e o violinista João Silva os que estabelezan un diálogo no que se entrecruzan o jazz, a improvisación, a música clásica, a tradición portuguesa e as músicas do mundo. 

E o día 6 chegará un concerto moi especial: a soprano María Cristina Kiehr, o tenor Jonatan Alvarado e o vihuelista Ariel Abramovich presentarán The Josquin Songbook, un álbum dedicado ás composicións do franco-flamenco Josquin Desprez (ca. 1450 - 1521), gravado precisamente na catedral de Tui.  Desprez converteuse na figura central da escola musical flamenga do século XV e foi considerado como a "mellor representación da perfección" por autores como Lutero ou Castiglione

"O propio espazo da catedral tudense marca o carácter do festival", comenta Diz, "e ver como se mantén como un espazo de creación, neste caso como marco para a gravación dun disco dedicado a unha figura tan importante como Desprez, non pode senón enchernos de contento e de orgullo polo que significa de universalización deste escenario". 

O festival rematará o domingo 7 co proxecto musical Dulzaro, que une tradición e a vangarda arredor da figura de Lorca, ofrecendo a súa obra poética xunto con sons contemporáneos, nos que se albiscan as influencias do flamenco e do fado. 

Comentarios