O Museo do Pobo celebra os seus 40 anos repensando os vindeiros 40

En 1977 Galiza abríase ao mundo e tamén abría o Museo do Pobo Galego, un museo privado que é de todas e que agora cumpre corenta anos. E celébrao con debates mensuais sobre o futuro do país en torno a varios temas. 

Museo do Pobo Galego
photo_camera Entrada do Museo do Pobo Galego [Foto: SantiagoTurismo]

Desde 1977 até 2017 Galiza viviu a que se cadra é a transformación máis acelerada da súa historia. E o Museo do Pobo quere facer unha contribución a un "necesario balance xeracional e a unha non menos necesaria perspectiva de futuro". De aí que propoñan a celebración destes foros -patrocinados polo Parlamento de Galiza- que agarda que "sirvan para a reflexión, o debate e a reactivación da galeguidade". 

Os foros comezan a vindeira terza feira 9 de maio, en torno ao "Estatuto dos Dezaseis", coordinado por Pablo González Mariñas, un dos que participou na súa elaboración, e coa participación de Luís Caramés (USC), Álvaro López Mira (UVigo) e Xosé Antonio Pena, economista. 

O Museo agarda que estes foros "sirvan para a reflexión, o debate e a reactivación da galeguidade"

En xuño, o día 8, debaterase sobre o autogoberno, coa participación de Emilio Pérez Touriño, Pedro Puy, Carme Adán e Manuel M. Barreiro. E o 28 de xuño será a quenda da demografía, que debullarán Julio Hernández (USC), José Antonio Campo, director do IGE, e Miguel Vázquez Taín (USC).

O futuro do sector primario, agro e mar, é o tema a debate en xullo (día 13), no que participarán J.A. Vázquez Gancedo, director do Clúster Alimentario; Daniel Villapol, do grupo Villapol; e Eduardo Míguez, do grupo Porto de Celeiro.

En setembro (día 14) o tema a tratar será a economía e a industria, coa presenza de Carme Pampín, presidenta de Bioga; Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñaría Informática; e Cesáreo G. Pardal, secretario do Clúster de Turismo. 

Trátase de pensar o futuro do país de aquí a 2057 en canto a política, economía, demografía, estado de benestar, educación e identidade

O medio e a natureza son os temas a discutir o 5 de outubro, coa participación de Virxinia Rodríguez, de ADEGA; Serafín González, de SGHN; e Ricardo Beiras, catedrático de Ecoloxía da UVigo. O 26 de outubro a sociedade do benestar será o centro da cuestión, con Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento; Xosé Carlos Arias, da UVigo; e Rita Radl, da USC. 

En novembro (día 16) o asunto xirará arredor da educación, con Ángel Carracedo (USC), Juan Freire (Instituto Tecnolóxico de Monterrey, México); e Carmen F. Morante (USC). E rematará en decembro (día 14) cun foro sobre a identidade no que participarán Jorge Algora, presidente do Clúster do Audiovisual; Manuel Bragado, director de Xerais; Henrique Monteagudo, da RAG e Xosé Manuel G. Reboredo, etnógrafo e presidente da Xunta Reitora do MPG. 

Comentarios