A RAG presenta a programación das Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán

Nun acto que tivo lugar na sede da Real Academia Galega presentáronse o conxunto de actividades que terán lugar ao longo do ano para honrar a figura de Florencio Delgado Gurriarán, a quen se lle dedican as Letras Galegas de 2022.
Presentación do programa das Letras Galegas 2022. (Foto: RAG)
photo_camera Presentación do programa das Letras Galegas 2022. (Foto: RAG)

A Real Academia Galega (RAG) celebrará as Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987) cunha programación que achega propostas para todas as idades que incidirán desde o campo da investigación até o audiovisual.

A RAG xa ten activada na súa páxina a sección das Letras Galegas 2022. Neste espazo pódese ler a biografía do poeta e aparecen os primeiros episodios da serie de micropezas 'Polos vieiros de Florencio', da que se estreará cada semana un novo capítulo.

Destacaron tamén 'O Portal das Palabras' e a súa nova sección do 17 de maio, onde están dispoñíbeis tres xogos interactivos sobre o vocabulario da poesía de Gurriarán e un 'Allos con bugallos' sobre o léxico dos seus poemas mexicanos.

No mes de marzo a RAG presentará en Vilamartín de Valdeorras a última edición do proxecto para o público infantil 'Primavera das Letras' e nunha sesión extraordinaria en Córgomo (Vilamartín), lugar de nacemento do autor, a RAG celebrará o propio Día das Letras Galegas.

No outono terá lugar o Simposio das Letras Galegas, onde se presentarán investigacións "con novas miradas" ao universo do autor.

A respecto das publicacións, a RAG ten previsto editar o discurso que Gurriarán deixou escrito para o seu nomeamento como académico, que non chegou a producirse; e a entrevista que a antropóloga Dolores Pla lle fixo en México, nunha edición anotada da que se fará cargo Ricardo Gurriarán. O historiador e familiar do homenaxeado tamén será o responsábel dunha antoloxía da correspondencia do autor.

Unha figura chave no exilio  galego en México

As primeiras obras poéticas de Gurriarán viron a luz en 1928 en diferentes xornais e revistas da época. En 1931 xa tiña escrito poemas de interese sociolingüístico e político e críticas en prosa á política caciquil e centralista. En 1934 chega o seu primeiro éxito literario, coa publicación da súa escolma de poesías Bebedeira, editada por Nós.

Xa en México, entre outros fitos, participou no desenvolvemento do Padroado da Cultura Galega (1953), berce da revista Vieiros (1959), que codirixiu. A escolla supón a primeira viaxe do Día das Letras Galegas ao exilio mexicano.

Comentarios