Obituario

Falece aos 49 anos o actor de 'Star Trek' e 'Capitá Marvel' Kenneth Mitchell, diagnosticado de ELA en 2018

Nado o 24 de novembro de 1974 en Toronto (Canadá), na súa carreira Mitchell interpretou máis de medio centenar de papeis, algúns en franquías tan populares como 'Star Trek' ou o universo Marvel.
O actor Kenneth Mitchell. (Foto: Netflix)
photo_camera O actor Kenneth Mitchell. (Foto: Netflix)

Kenneth Mitchell (1974-2024), actor canadense coñecido por interpretar papeis en series populares como Jericho e Star Trek: Discovery e que tamén apareceu en Capitá Marvel, a película do universo cinematográfico de Marvel de 2019, faleceu este pasado sábado aos 49 anos de idade. O intérprete morreu debido a complicacións derivadas da esclerose lateral amiotrófica (ELA), tamén coñecida como enfermidade de Lou Gehrig, que se lle diagnosticara hai cinco anos.

A súa familia confirmou o pasamento a través dun comunicado, no que destaca a súa valente batalla contra a enfermidade nestes últimos cinco anos. "Co corazón encollido, anunciamos o falecemento de Kenneth Alexander Mitchell, amado pai, esposo, irmán, tío, fillo e querido amigo", reza o comunicado, que subliña que "durante cinco anos e medio, Ken enfrontouse a unha serie de horríbeis desafíos por mor da ELA".

"E, ao máis puro estilo Ken, logrou superar cada un deles con carácter e compromiso para vivir unha vida plena e alegre en cada momento. A súa vida é un brillante exemplo do pleno que se pode ser cando se vive con amor, compaixón, humor, inclusión e comunidade. Ken foi unha obra de arte inspiradora para todos os corazóns que tocou", conclúe o comunicado.

Nunha sincera entrevista concedida á revista People en 2020, Mitchell compartiu a súa diagnose de ELA, unha enfermidade coa que convivía desde 2018. E a pesar das súas difíciles condicións, tentou soportar a enfermidade con fortaleza, chegando mesmo usar unha cadeira de rodas en 2019 mentres seguía dedicándose á súa gran paixón, a actuación.

Nado o 24 de novembro de 1974 en Toronto (Canadá), na súa carreira Mitchell interpretou máis de medio centenar de papeis, algúns en franquías tan populares como Star Trek ou o universo Marvel. En Capitá Marvel, Mitchell deu vida a Joseph Danvers, o pai da heroína protagonista encarnada por Brie Larson, durante as secuencias de 'flashback'.

En Star Trek: Discovery encarnou varios personaxes distintos ao longo de diferentes tempadas, como Kol, Kol-Sha, Tenavik e Aurellio. De feito, a súa interpretación de Aurellio adaptouse para incluír unha cadeira aerodeslizadora, integrando así o uso da cadeira de rodas na vida real por parte do actor.

Comentarios