A Federación de Librarías renóvase e reflexiona sobre o modelo das feiras do libro

Co remate do mes de abril a Federación de librarías da Galiza renovou a súa directiva cun novo equipo que preside o libreiro de Formatos, na Coruña, Ramón Domínguez. A transparencia, a modernización tecnolóxica e a área social da profesión son algúns dos retos que afrontará a entidade os próximos catro anos.
ramondominguez
photo_camera Ramón Domínguez é o novo presidente das e dos libreiros. (Foto: Nós Diario)

O libreiro Ramón Domínguez, da libraría Formatos da Coruña, é o novo presidente da Federación de librarías da Galiza. Domínguez liderou unha candidatura conformada por 15 librarías de todo o país e conta no seu equipo con Cielo Fernández, da libraría Baía de Foz, Sandra Senda, de Libros para soñar, de Vigo, e Carlos Blanco e Paula Veira, das librarías coruñesas Nobel e Lume, respectivamente. O pasado 28 de abril e con 60% dos votos a favor tomou  o relevo de Pilar Rodríguez logo de case unha década no cargo. 

Nos próximos catro anos o equipo que lidera Ramón Domínguez procurará traballar arredor de catro piares básicos: a transparencia comunicativa entre a federación e as libreiras e libreiros, a modernización tecnolóxica, unha vinculación máis directa coas administracións, e traballar a dimensión social da profesión desde a reformulación das feiras do libro.

Nós Diario conversa con Ramón Domínguez nun momento no que a Covid-19 marca o inicio das feiras do libro e que desde o colectivo se afronta con optimismo "porque logo do que vivimos o último ano só nos queda pensar en positivo", conta Domínguez, que coa campaña de vacinación coida que "estamos a ver a luz no fin do túnel", aínda que tamén conta con que "haberá que ver que acontece coa crise no plano económico".

Transparencia e relación maior coa Administración

"O primeiro é proporlles ás librarías unha medida que nos parecía prioritaria e imprescindíbel,  unha maior transparencia e comunicación de todo o que ten que ver coa actividade federativa: acceso aos estatutos, asembleas, información das contas anuais...", explica o responsábel de Formatos.

"Entendemos que esa comunicación non sempre foi fluída nos últimos tempos e que os libreiros non poden desconectarse da federación, que vexan que é un órgano que está ao seu servizo", explica o novo presidente, mais á vez tamén puntualiza que co non se trata de que non houbese información por parte da anterior directiva, senón máis ben, "unha cuestión de estilo, de formas de entender a xestión", que se cadra o equipo saínte non vía tan necesaria.

Estabelecer unha vinculación máis directa coa Administración é outro dos grandes eixos de actuación da nova directiva da Federación de Librarías. Deste modo, Ramón Domínguez refírese a "deseñar programas de axuda e subvencións moito mellor adaptados ás necesidades reais das librarías, porque moitas veces son demasiado xenéricos", advertía.

Mais na convocatoria de axudas de 2021 a nova directiva non puido intervir e a Xunta publicou hoxe mesmo unha partida orzamentaria destinada ás librarías cinco veces menor á de 2020, pasando de 150.000 euros a 30.000; se ben da contía do ano pasado só se concederon 17.000 euros.

Dimensión tecnolóxica e social do sector libreiro

"Non se nos escapa que vivimos nun mundo no que as tecnoloxías teñen cada vez máis relevancia", afirma Domínguez, que engade que as librarías teñen que contar con "todas as ferramentas que nos permitan estar preto da clientela, do lectorado". 

Ademais, o libreiro explica que no nivel tecnolóxico é necesario que os estabelecementos se vinculen coas distintas plataformas de servizo "desde o punto de vista do que son os programas de xestión que manexamos". E nesta liña tamén é precisa a aprendizaxe e o asesoramento.

"Non nos interesa tanto unha formación de carácter xeral como unha pensada, deseñada e adaptada e, tamén, o asesoramento no plano xurídico, todo o que ten que ver coa dimensión da profesión a nivel formal...", analiza, para lembrar que alén de estabelecementos comerciais as librarías réxense pola Lei do libro como especificidade.

Alén do volume impreso, o reto das librarías tamén é o libro dixital, "unha cuestión que hai que abordar", di Ramón Domínguez, aínda que polo momento son poucas as librarías na federación que traballan esa área da venta. Sobre a venda de libros a través da rede, "irá gañando protagonismo co tempo, a medida que estas ferramentas das que falabamos se vaian integrando nas librarías", explica o presidente da federación, que non esquece que "competimos con plataformas de venda na rede cunha gran capacidade económica, polo que se debe concienciar a clientela dos valores que achega cada un".

Valores sobre os que tamén queren traballar porque "entendemos que é vital para nós e para a sociedade que as librarías dinamicemos e participemos nas políticas culturais de cada concello. Somos parte dunha cadea de valor, que é o libro, formamos parte dese ecosistema", reivindica o libreiro.

Coa revisión das feiras do libro no horizonte

A nova directiva da Federación de Librarías ten entre os seus obxectivos potenciar a dimensión social da profesión, e nesa liña, “revisar todo o que ten que ver coas feiras do libro, como dinamizadores, como acción cultural...”, di Ramón Domínguez. Na busca de que o lectorado poida compartir directamente coas editoras, coas autoras, potenciar as feiras do libro e atender ao seu deseño no terreo formal, “reflexionar sobre o modelo e ver os cambios necesarios”.

Mais é este un labor que durante 2021 só se poderá desenvolver en parte, pois o recente cambio de directiva chegou coas primeiras feiras do libro xa realizadas ou en decurso, como é o caso de Ferrol ou Compostela, respectivamente. “Con esta excepcionalidade, coas restricións, a directiva anterior aprobou un protocolo de actuación para manter as feiras do libro activas e continuarémolo”.

Comentarios