Novos pulos desde o rural, nace a Libraría da Proencia na Terra de Lemos

A Libraría da Proencia, unha iniciativa que aposta na cultura desde o ámbito rural, dará os seus primeiros pasos nesta semana desde o corazón da Ribeira Sacra. Un proxecto cultural impulsado por Paula Vázquez Verao, desde a parroquia de Proendos, que xunta literatura, turismo, feminismo e posta en valor do rural.
Casa tradicional en Proendos que acollerá a Libraría da Proencia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Casa tradicional en Proendos que acollerá a Libraría da Proencia. (Foto: Nós Diario)

Santa María de Proendos é unha parroquia do concello de Sober, pertencente á comarca da Terra de Lemos. Con pouco máis de douscentos habitantes, este pequeno núcleo alberga soterrada baixo os seus pés unha gran cidade chamada Proencia. Segundo unha lenda, "era cidade de mouros e agora está aterrada". 

Hai pouco esta parroquia saltaba á palestra ao descubrirse nela, grazas a unha escavación nun xacemento, un hórreo romano único na Galiza. Ao seu carón, restos romanos do século I ao V, desde un gran número de fragmentos de tégula, ladrillos e cerámica, até varios fragmentos de columnas, capiteis, basas, epígrafes e restos de canalizacións de granito, moitos dos cales aínda a día de hoxe se conservan nos muros de feche e no interior das casas.

Agora Proendos volve ser protagonista ao acoller A Libraría da Proencia, unha iniciativa que aposta na cultura desde o ámbito rural. Impulsada por Paula Vázquez Verao, concelleira en Sober por IG-Vivo e ex deputada do Parlamento galego por En Marea, a libraría perfílase para se tornar nun espazo de animación cultural na Terra de Lemos. 

"Procuraba unha ocupación laboral relacionada co turismo, tan en aumento nesta zona, mais que me permitise compatibilizar o coidado de dúas crianzas", conta Vázquez Verao en conversa con Nós Diario. Nese punto de encontro entre arqueoloxía, cultura e literatura atopou a cerna arredor da que medrar en Proendos. Ao pouco foi xurdindo a idea e, "un día, ao falar coa bibliotecaria de Sober, definiuse: faltaba unha libraría no lugar". 

Unha Proencia como "centro cultural" 

Pendente da rehabilitación dunha casa tradicional no corazón de Proendos, A Libraría da Proencia iniciará, nos próximos días, a súa actividade empresarial como libraría en liña. Mais a súa expectativa é ir alén dun almacén de libros: "Quero ter un espazo onde poder ofrecer libros, mais tamén quero que sexa un lugar de encontro, de posta en valor da comarca onde se sitúa e de venda da artesanía propia deste territorio", indica. Así, neste catálogo tamén inclúe souvenirs "personalizados", propios da zona, "que son diferentes e que poñen en valor a localidade e as súas artesás e artesáns". 

E é que o valor arqueolóxico desta comarca preséntase do máis interesante. Graduada en Historia, Vázquez Verao é boa coñecedora do territorio mais continúa a súa formación académica para "nun futuro poder ter o carné de guía turística e poder facer visitas guiadas por aquí". "A idea é que se poidan levar a cabo percorridos didácticos porque é un lugar que ofrece restos de todas as épocas e penso que ten moito potencial nese sentido", apunta.

Neste momento continúan coas campañas de escavacións do xacemento romano, "que é o máis interesante de Proendos", mais tamén conta con "petróglifos, restos paleolíticos, pinturas murais, románico… é unha parroquia que concentra nun punto un compendio de toda a historia da Galiza", asevera. 

Aínda que a rehabilitación da casa tradicional comezará para o ano, "durante o verán e en épocas de tempada alta contaremos cun posto alí presente, con minifeiras de artesanía e mais diversas actividades culturais" co fin de lle dar vida ao lugar. "Queremos que sexa un punto de referencia e un espazo para actos culturais, reunións, mostras, talleres, exposicións…" O interesante "é facer da libraría un centro cultural".

Literatura especializada na Terra de Lemos

O catálogo da Libraría da Proencia estará especializado na Terra de Lemos. Así, poderemos atopar curiosidades que non son de fácil acceso, con publicacións que estean relacionadas co lugar e que sexan de editoras pequenas e independentes, "porque nin pretendo nin podería competir coas librarías que xa hai en Monforte de Lemos", explica. 

Así, acolle libros de e sobre Sober, "que traten esta zona ou que estean publicados por xente de aquí". Por exemplo, xa conta con volumes didácticos sobre a época romana para nenos e nenas, porque "xa que estamos vendo xacementos romanos é interesante que haxa libros para público infantil que expliquen que é o mundo romano", adianta a libreira. 

Ademais, tamén contará cunha colección sobre poetas da zona, "de toda a Terra de Lemos e máis alá, de Chantada, da Pobra...". Nela inclúense desde nomes contemporáneos até clásicos como Manuel María ou Uxío Novoneyra. A esta acompáñaa "unha selección persoal de voces femininas para pór en valor a literatura escrita por mulleres", tanto galegas como estranxeiras, "mais sen seren as máis coñecidas." Ao fin, trátase de "que se poida ter a mesma oferta cultural en Proendos que noutros lugares".
 

Comentarios