A 'mellor escena galega' fía o programa teatral de Lugo

Obras galegas e internacionais buscan deleitar as amantes do teatro
Luís Iglesia e Marcos Orsi en 'Conexión Pingüín' de Culturactiva. (Foto: Rocío Cibes)
photo_camera Luís Iglesia e Marcos Orsi en 'Conexión Pingüín' de Culturactiva. (Foto: Rocío Cibes)

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua de Lugo, Maite Ferreiro, presentou esta cuarta feira, 1 de novembro, a programación teatral que terá lugar no Auditorio Municipal durante o que resta do ano 2023. A concelleira explicou que "en total son sete propostas, para distintos públicos, con actuacións de grupos de teatro de recoñecida calidade que conseguiron distintos premios". 

Referíase desta maneira Ferreiro ás obras Full House de Eléctrico 28 (5 de novembro), Los protegidos de Teatro Mosca (11 de novembro) –que será ademais unha preestrea mundial, en sinerxía coa programación Atopémonos bailando–, 3 Vellas na romaría de Producións Excéntricas (16 de novembro), Solo da Compañía Roi Borrallas (19 de novembro), Hai quen escolle os camiños máis longos de Berrobambán (23 de novembro), Conexión Pingüín de Culturactiva (30 de novembro) e La serpillére de Mr Mutt de Ma Compagnie-Marc Lacourt (3 de decembro). 

Teatro para os amantes da escena

"Quixemos pór o foco nas producións de artes escénicas de mellor calidade feitas na Galiza, que serán o fío condutor da programación, e contaremos tamén con obras internacionais de calidade contrastada", puxo de manifesto a concelleira, que engadiu que "esta programación está pensada para o deleite das amantes do teatro e para facilitar un achegamento a esta arte por primeira vez".

Así, a programación inclúe un total de catro propostas para público adulto e dúas para familias.

Para acceder ao recinto será preciso adquirir entrada no portal entradaslugo.es ou de maneira presencial na Oficina Municipal de Turismo, cun prezo de 5 euros nas actividades para público adulto e 3 euros nas familiares. 

Ademais as persoas no desemprego, as menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociadas á Asociación de Actores e Actrices de Galicia terán un desconto de 30%

Comentarios