"O medo é libre?": Os mecanismos do medo na literatura de tradición oral

O medo na literatura de tradición oral será o tema das xornadas organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Expertas en narración oral, literatura infantil e xuvenil, pedagoxía, antropoloxía social e cultural analizarán distintas expresións da tradición oral tendo como eixo transversal o medo.
 
Graffiti en Pontevedra. Santa Compaña. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Graffiti en Pontevedra. Santa Compaña. (Foto: Nós Diario).

Ter acceso a situacións imaxinarias perigosas ou conflitivas e saber como outra persoa as afrontou antes é un repertorio de instrucións para a vida. O medo que provoca un conto é útil para experimentar a realidade, mais sen riscos, para aprender a recoñecer as bondades e tamén os perigos do mundo. 

A través das historias, dos contos, as persoas poden identificarse cos protagonistas, empatizar, vivir esa tensión e ansiedade que agroman até o desenlace da narrativa, mesmo aínda que este non teña un final feliz. Durante este proceso, as persoas interiorizan os conflitos expostos e acceden ás solucións que foi atopando o imaxinario colectivo ao longo dos tempos. 

E precisamente por iso o medo está tan presente na literatura de tradición oral. Mais que imaxinario hai detrás do medo na literatura de tradición oral? Que mecanismos se usan nestas narrativas? Como é a lingua destes contos? Sobre estas e outras cuestións procuran dar resposta desde a Xornada de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), baixo o título “O medo é libre. Os mecanismos do medo na literatura de tradición oral".

O encontro, que se desenvolverá este sábado no salón de actos do Pazo de San Marcos, en Lugo, presenta unha serie de conferencias onde as persoas expertas en narración oral, literatura infantil e xuvenil, pedagoxía, antropoloxía social e cultural ou mesmo linguaxe musical analizarán as distintas expresións da tradición oral tendo como eixo transversal o medo, un sentimento innato ao ser humano e un mecanismo de control das persoas desde que nacemos, individual e colectivamente.

Desde a tradición oral

Os coordinadores da xornada e membros da sección de literatura oral da AELG, Antonio Reigosa e Lois Pérez, destacan o interese do encontro para “as persoas que se incorporan á función docente e para as xeracións novas que teñen interese na tradición oral” e remarcaron a relevancia da tradición oral desde a perspectiva da literatura mais tamén desde a lingüística ao lembrar que “son as transmisoras e transmisores de tradición oral quen mantiveron o idioma” vivo até a actualidade. 

“A literatura de tradición oral non deixa de ser un pouso de experiencia de moitas xeracións que veñen detrás, consecuencia do que se aprende colectivamente, e aí é onde nos centramos”, conta Reigosa para Nós Diario. Un punto de partida que trata o medo desde esa experiencia narrativa, que permite analizar o legado que deixa esa materia. 

Seguindo ese ronsel, a narradora oral Ana Carreira abrirá a xornada co relatorio “O medo non é libre” e, a seguir, fará o propio o escritor e contacontos Federico Martín Nebras con “Días de contar e cantar: poemas para escorrentar o medo”, onde defenderá a importancia de transmitir a tradición oral ás crianzas mediante o xogo, "para que poidan ler o mundo a través das palabras". Ao remate, haberá unha mesa redonda con estes dous primeiros expertos ao redor do lugar que habitan os monstros e a palabra, coordinada por Lois Pérez.

Os medos e a mitoloxía

“Hai un imaxinario e unha mitoloxía do medo enorme, inmensa”, explica Reigosa. E esa é a “expresión a nivel popular dos diferentes tipos de medo e como se dosifica dependendo da idade e do lugar”. Os cocos, por exemplo, “son asustadores de nenos pero non son nin perigosos nin violentos”, mais na adolescencia "xa comezan a aparecer os seres salvaxes, cando a rapaza ou o rapaz sae da contorna familiar, que son moito máis perigosos. Deste tipo o máis coñecido quizais sexa o meco. Aí vemos como o medo é "secuencial" e ten diversas magnitudes en función deses dous compoñentes. 

Nesta cuestións adentraranse a antropóloga social e cultural Lidia Mariño, con “Arco da Vella, vaite de aí... Relatos míticos que explican por que esconxuramos ao Arco”, mais Antonio Reigosa, escritor e especialista en literatura de tradición oral e mitoloxía, quen achegará unha análise do medo como parte do imaxinario da humanidade e, en concreto, da cultura popular tradicional galega coa súa conferencia “As caras do medo: Narrativas, tipoloxías e caracterizacións na mitoloxía popular galega”. Ao remate, porán o ramo a este círculo cunha mesa redonda sobre as figuras e contexto do medo na mitoloxía popular, coordinada por Cesáreo Sánchez Iglesias, escritor e presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

A xornada finalizará cunha sesión práctica especial. So o título “De medos, maxias, músicas e beleza”, o oboísta e historiador da música Benxamín Otero guiará esta sesión na que tamén poderá participar o público asistente.

A XIV Xornada de Literatura de Tradición Oral. "O medo é libre. Os mecanismos do medo na literatura de tradición oral" é unha iniciativa da AELG co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega.

Comentarios