O medo, gran protagonista e gran descoñecido da tradición oral

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) realizará a súa XIV Xornada de Literatura de Tradición Oral no pazo de San Marcos, en Lugo, o próximo 30 de outubro. O tema escollido como eixo vertebrador da xornada é o medo, que vai ser analizado desde múltiples perspectivas.
Antonio Reigosa, Maite Ferreiro e Lois Pérez na presentación. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Antonio Reigosa, Maite Ferreiro e Lois Pérez na presentación. (Foto: Nós Diario)

O medo como emoción que circunda boa parte da literatura de tradición oral na Galiza dá un paso adiante e vence certas reticencias de parte do público lector -hai quen prefire evitar os sustos, aínda que sexan figurados- para ser o protagonista da XIV Xornada de Literatura de Tradición Oral organizada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) co apoio da vicepresidencia da Deputación de Lugo. 

O nome que impulsa ao debate xa resulta toda unha declaración de intencións do que vai suceder no salón de actos do Pazo de San Marcos, en Lugo, o próximo 30 de outubro.

"O medo é libre. Os mecanismos do medo na literatura de tradición oral" chega para ser un tema provocador, un asunto con fanáticos e reticentes que de seguro deixará paso a unhas interesantes e ben fundadas conclusións. 

A axenda, anunciada esta cuarta feira polos coordinadores da cita e vogais de AELG Antonio Reigosa e Lois Pérez, inclúe “unha serie de conferencias na que persoas expertas en narración oral, literatura infantil e xuvenil, pedagoxía, antropoloxía social e cultural ou mesmo linguaxe musical analizarán distintas expresións da tradición oral tendo como eixo transversal o medo, un sentimento innato ao ser humano e un mecanismo de control das persoas desde que nacemos, individual e colectivamente”. 

Os diferentes relatorios, que poden resultar atractivos para docentes ou simplemente para a xente interesada na tradición oral da Galiza, comezarán coa charla "O medo non é libre" da narradora oral, titulada en Arte Dramática e membro de compañías como Ubú Teatro e Pínconus Ana Carreira. 

Tamén estarán en Lugo o escritor e contacontos Federico Martín Nebras, “precursor no eido da narración oral e impulsor de movementos de renovación pedagóxicas nos anos setenta”. Abrirá o debate con "Días de contar e cantar: poemas para escorrentar o medo", momento no que analizará a importancia de que a tradición oral chegue ás crianzas a través do xogo. 

Mesmo haberá unha mesa redonda, coordinada por Lois Pérez, para andar á procura daquel lugar no que habitan quer os monstros, quer a palabra. Aliás, San Marcos acollerá máis sorpresas.

No acto desta cuarta feira, a vicepresidenta da Deputación lucense, Maite Ferreiro, quixo gabar “as actividades e recursos da AELG para documentar, explicar e poñer en valor o patrimonio inmaterial, que resulta fundamental para entender a nosa evolución social e cultural”.

Comentarios