mércores 19/01/22

María Marco: "O tema dos coidados será un serio problema en 20 ou 30 anos e non se está a falar del"

A debutante María Marco gañou por unanimidade o Premio Novela Xerais 2020 coa súa historia 'Coidadora'. A crítica de arte contemporánea viguesa escribiu este "relato fragmentado" no que busca "debuxar un contexto sobre o papel das coidadoras". 
'Coidadora' deulle a María Marco o primeiro Premio Novela Xerais 2020. (Foto: Nós Diario)
'Coidadora' deulle a María Marco o primeiro Premio Novela Xerais 2020. (Foto: Nós Diario)

- Que a leva a escribir esta novela e presentala ao certame?

Decido escribir esta novela por varias razóns. A primeira é que quería proporme un reto persoal e dar un paso máis aló na miña escrita, xa que escribo críticas de arte contemporánea nun xornal e pensei que a novela era a maneira máis natural de evolucionar. Estiven pensando sobre un ano e medio e decidín falar sobre as coidadoras porque é un tema moi diluído socialmente, que apenas se trata nos medios de comunicación e no día a día e que é moi importante, xa que dentro de 20 ou 30 anos teremos un serio problema con respecto ao coidado dos maiores e da xente dependente.

Ademais, a situación do gremio é moi precaria, normalmente son mulleres que coidan dos seus familiares e non cotizan, teñen que dedicar a súa vida a ser a prolongación doutra persoa que depende dela. Por último, ademais de que é algo que vivo en primeira persoa no meu día a día, este tema parecíame algo moi diferente, que non se tratara na literatura.

Optei por presentar a obra ao certame de Xerais porque me pareceu unha forma moi natural de adentrarme no mundo literario, que para min era descoñecido. Ademais, o feito de que as obras foran presentadas anonimamente e poder conseguir o galardón foi algo que supuxo moita confianza en min mesa.

- Alén do tema, o xurado tamén destacou da súa obra a estrutura porque non corresponde á "clásica" dunha novela.

Si, non se compón dun comezo, desenvolvemento e final, como estamos acostumadas. A novela é un relato poliédrico, unha vivencia froito de diferentes ángulos e planos, que é como é a vida realmente. Superpóñense simultaneamente diferentes experiencias, recordos, estados vitais, afectos, que nos fan ser o que somos e actuar como actuamos. Trátase dunha paisaxe que debuxa diferentes planos (principal, medio e fondo e todos os subplanos) para tentar mostrar unha realidade.

- Como xorde esta idea?

A propia escrita levoume a iso. Eu traballo con extensións curtas e, de modo natural, asumín este formato e leveino á novela, á narrativa. Non foi unha decisión planeada, senón máis ben instintiva. Gustoume que non fose consciente e creo que iso reflexa a honestidade coa que fixen esta novela pouco ortodoxa.

- Como resume o argumento de 'Coidadora'?

Trátase dunha muller que coida da súa nai, que ten unha enfermidade neurodexenerativa moi avanzada. O foco e o fío argumental está nas reflexións da coidadora, o que ve, sente e pensa. Trato moitas emocións opostas, con momentos moi bonitos pero tamén moi duros que derivan dos coidados e como a "protagonista" o xestiona. Ela deixa de vivir a súa vida, deixa de ser ela mesma para dedicarse a outra persoa que depende totalmente dela.

- Que sentiu ao recibir o recoñecemento?

Vertixe e confianza. É a miña primeira novela e, honestamente, non pensei que fose gañar o certame. Isto fixo que estea a repensar a miña profesión, mais aínda non é nada seguro.

- Está a traballar actualmente noutra novela?

Teño en mente facer unha segunda parte de Coidadora, pero aínda está todo na miña cabeza e non sei exactamente como o enfocarei. Hai unhas semanas tivéronme que operar dunha rótula e vivir en primeira persoa o feito de ser coidada. Ter que depender de alguén completamente para todo é algo que me inspirou moito para esa segunda parte. Na miña mente está a idea de poder facer como unha "cara B" da novela, que saia todo nun tomo, pero aínda é moi cedo. Agora toca recuperarme ben.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

María Marco: "O tema dos coidados será un serio problema en 20 ou 30 anos e non se está...
comentarios