Opinión

Coidado cos coidados

Segundo o CENIE, na provincia de Lugo hai 90.195 persoas maiores de 65 anos. No traballo de investigación “O coidado das persoas maiores na provincia de Lugo”, realizado pola traballadora social do HULA Sagrario Fernández Méndez, atopamos que o número de persoas maiores atendidas nos distintos centros (residencias, fogares, vivendas comunitarias, apartamentos tutelados, centros de día) é de 4.090; 1.935 en centros públicos e 2.155 en centros privados.

Estes datos reflicten que a realidade da atención ás persoas maiores repousa moi maioritariamente nas propias persoas maiores, nas súas familias e nas redes veciñais que no medio de moita soidade, incomprensión e infravaloración fan un labor eficaz, calado e moitas veces heroico. Visibilizar esta realidade é urxente para estimular o empoderamento e a autoestima  das persoas  maiores e das súas familias e para corrixir que as axudas públicas se dirixan de xeito desproporcionado a empresas e organismos que están contribuíndo a sacar a estas persoas das súas casas e do seu contorno.

É necesario rematar co actual proceso de “industrialización” e “comercialización” da vellez. As actuais políticas sociais e laborais están, na práctica, obrigándonos a facer uso dos centros residenciais. Pensemos, por exemplo, nos encaixes imposibles que teñen que facer miles de persoas para compatibilizar coidados e traballo mentres unha boa parte das axudas públicas, por distintos conceptos, van parar a centros residenciais privados. Débense multiplicar exponencialmente as axudas directas, económicas, profesionais ou de materiais, adaptadas ás distintas realidades das persoas maiores e das familias coidadoras. Estou a falar de axuda no fogar, respiro familiar, transporte, acompañamento, asesoramento, formación,  grupos de axuda mutua, centros de día, centros de noite, fisio e psicoterapeutas. Tamén e, en colaboración cos concellos ou asociacións da zona, grupos de voluntariado, intercambios interxeneracionais, actividades de socialización e lecer etc. 

A gran cantidade de persoas maiores que recentemente sufriron, en soidade e sen “os seus”, días e noites de enfermidade e morte, lémbranos que se fai urxente asegurar a patria potestade e o vínculo familiar directo coma dereitos case que sagrados que só en condicións especialísimas, previa e claramente estipuladas, se poden saltar. Cómpre tamén promover unha variada carta de estímulos fiscais e cambios na lexislación laboral, de sucesións e testamentaria; neste sentido non estaría demais promover medidas tendentes a dar prioridade ó coidado das persoas maiores no uso dos seus patrimonios. Será ademais necesario implementar unidades didácticas relacionadas coa vellez para as distintas fases dos procesos formativos.

Despois de séculos de experiencia, en xeral  as familias e nomeadamente as mulleres, adquiriron un nivel de excelencia que conforma un tesouro de historia viva e unha guía; constitúen un acerbo de sabedoría que se debe preservar e ensinar, engadindo todas as aportacións das modernas técnicas xerontolóxicas.  Ese nivel de excelencia só é sostible se non se renuncia ó compromiso e a eficiencia que dan o cariño e a familiaridade. Adoitan desprezalos por ineficaces ou utópicos, pero estudos comparados realizados con crianzas mostran que teñen unha profunda capacidade transformadora. Cariño e a familiaridade  conseguen que  nenos e nenas que os tiveron se convertan na mesma proporción en adultos sans, fronte a gran proporción de carencias observadas en adultos que foron criados en institucións apartados das familias. Ademais, todos e todas, temos  experiencia das consecuencias catastróficas que a súa ausencia provoca na xente maior. Non podemos resignarmos á compañía e ós servizos pagados por moi necesarios que estes sexan. Deben ir sempre precedidos pola familiaridade e o achegamento das persoas significativas; para que estas non fallen haberá que axudarlles de todos os modos posibles. Esquecer este cariño no coidado das persoas maiores , non contar con el nas programacións e non primalo, só denota estar mediatizado por outros intereses ou unha ignorancia e unha soberbia de graves consecuencias. Todas as persoas queremos envellecer coidadas e apreciadas. 

Comentarios