María Rosa Lojo próxima académica de honra

As autoras, as máis recentes incorporacións da Academia

Logo do nomeamento de María Dolores Sánchez Palomino como académica de número da Real Academia Galega, facemos un repaso polas últimas incorporacións ao pleno da RAG así como das académicas e académicos de honra e correspondentes.
María Dolores Sánchez Palomino.
photo_camera Dolores Sánchez Palomino, nova académica de número da RAG. (Foto: Nós Diario)

A Real Academia Galega (RAG) nomeou a María Dolores Sánchez Palomino académica de número, no pleno celebrado a pasada terza feira. A filóloga da Universidade da Coruña (UdC) ocupará na Academia a vacante producida tras o falecemento do arquitecto Andrés Fernández-Albalat, a finais de 2019. 

A xornalista Ana Romaní era a última incorporación como académica de número, posto no que ingresou en 2019, co discurso Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas. As poetas Marilar Aleixandre e Chus Pato precedéronas no ingreso na RAG ao seren nomeadas en xaneiro e setembro de 2017. 

No pleno da Real Academia Galega, que integran os académicos e as académicas de número, quedan pendentes agora as vacantes deixadas polo lexicógrafo Xosé Luís Franco Grande e a poeta Luz Pozo Garza, finados en marzo e abril deste ano, respectivamente. 

Agárdase tamén o ingreso, entre as académicas de honra, da autora de Bos Aires, María Rosa Lojo, da que a Academia dixo que " a súa é unha voz está profundamente vencellada a Galiza".

"A emigración e o exilio son constantes por igual nos seus textos autobiográficos e de ficción e nos ensaios de investigación, á procura da restauración do legado galego no imaxinario arxentino como imprescindíbel elemento fundador da súa nacionalidade", matizaron desde a RAG. 

En canto aos académicos correspondentes, a última incorporación foi a do autor Xavier Senín, en 2020, precedido hai dous anos polo filólogo Afonso Vázquez-Monxardín, e en 2017 polos autores Marcos Bagno, Helena González e mais Helena Villar Janeiro.

Homenaxe a Carvalho Calero "se a Covid o premite"

A celebración do pleno extraordinario do Día das Letras Galegas, dedicado a Ricardo Carvalho Calero, foi outro dos asuntos abordados no pleno ordinario da terza feira.

"Se a situación sanitaria o permite", din desde a RAG, "terá lugar na primeira quincena do mes de decembro". Esta sesión, segundo é tradición, debía desenvolverse o 17 de maio e tivo que adiarse por mor das restricións fronte á Covid-19; homenaxe que tampouco puido ter lugar o 31 de outubro, pola repunta de casos de coronavirus.

Comentarios