Os María Casares recoñecen nove espectáculos do teatro galego 

A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, con catro galardóns e Bailar agora, de Marta Alonso, con tres, destacan no alto do palmarés. Os nenos da varíola recibiu o premio ao mellor espectáculo infantil nunha gala dirixida por Paula Carballeira e Chiqui Pereira.
Espectáculo durante a cerimonia de entrega dos María Casares.
photo_camera Espectáculo durante a cerimonia de entrega dos María Casares.

Os XXV Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras. Dos 13 espectáculos que aspiraban a algún dos 14 galardóns que recoñecen as artes escénicas na Galiza, nove conquistaron algunha distinción.

A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, acadou catro galardóns: espectáculo, dirección (Gonçalo Guerreiro), actor secundario (Fran Lareu) e adaptación-tradución (Fernando Dacosta e Gonçalo Guerreiro). O premio ao mellor espectáculo infantil foi para Os nenos da varíola, de Pérez&Fernández. 

Bailar Agora, de Marta Alonso Tejada, acaparou tres galardóns ao facerse cos premios de actriz protagonista (Marta Alonso Tejada), iluminación (Laura Iturralde) e dirección (Marta Alonso Tejada ex aequo con Gonçalo Guerreiro). A obra de Incendiaria, Microspectiva dun Marica Millennial, acadou dous premios: actor protagonista (Davide González) e texto orixinal (Vanesa Sotelo e Davide González). 

O mozo da última fila, de Redrum Teatro, fíxose co galardón de mellor actriz secundaria (Belén Constenla); 32m2, de Butacazero, levou o premio de escenografía (Beatriz de Vega), e Dreaming Juliet, de Elefante Elegante, o de vestiario (Diego Valeiras). 

O Premio, de La Quintana Teatro, foi recoñecido na categoría de maquillaxe (Fani Mosqueira) e, por último, A conquista da escola de Madhubai, de Teatro do Atlántico, obtivo o premio de música orixinal (Vadim Yukhnevich).

A gala

Chiqui Pereira e Paula Carballeira dirixiron unha gala que trasladou o público congregado no Teatro Rosalía da Coruña a unha época distópica, con música de Nacho Sanz e escenografía de Suso Montero.

A cerimonia de entrega contou con dous grandes fíos argumentais: o 25º aniversario dos Premios María Casares e a resistencia das artes escénicas fronte a pandemia. 

Durante a velada, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas recolleu o Premio de Honra Marisa Soto, mentres que Evaristo Calvo leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.

Un patrimonio a protexer 

A gala, retransmitida por Youtube a través da canle dos Premios María Casares, contou co discurso de Xosé Barato, presidente da AAAG, quen reivindicou o legado das xeracións de actores e actrices que "abriron camiño" e deixaron en herdanza ás mais novas "dereitos laborais, institucións, sistema teatral, en definitiva, un patrimonio que temos que protexer e mellorar”. 

Barato insistiu en que "o teatro é a festa da presencialidade" antes de referirse ao golpe que significou paras as artes escénicas a aparición da Covid. "Esta pandemia afectounos e tocounos na nosa esencia. Estamos intentando capear ondas e teremos que estar vixiantes e máis unidas ca nunca para cando as ondas se retiren, porque as ondas poden destruír incluso máis cando se retiran que cando entran", reflexionou o presidente da Asociación de Actores e Actrices da Galiza.

Palmarés

Esta é a lista completa de vencedores dos Premios María Casares na súa XXV edición:

Maquillaxe: Fani Mosqueira, por O Premio, de La Quintana Teatro.

Vestiario: Diego Valeiras, por Dreaming Juliet, de Elefante Elegante.

Iluminación: Laura Iturralde, por Bailar Agora, de Marta Alonso Tejada.

Escenografía: Beatriz de Vega, por 32m2, de ButacaZero.

Música:  Vadim Yukhnevich por A conquista da escola de Madhubai, de Teatro do Atlántico.

Adaptación-Tradución: Gonçalo Guerreiro e Fernando Dacosta por A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro.

Texto orixinal:  Vanesa Sotelo e Davide González por Microspectivas dun marica millennial, de Incendiaria.

Actor protagonista: Davide González por Microspectivas dun marica millenial, de Incendiaria.

Actriz protagonista:  Marta Alonso Tejada por Bailar Agora

Actriz secundaria:  Belén Constenla por O mozo da última fila, de Redrum Teatro.

Actor secundario: Fran Lareu por A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro

Dirección: Gonçalo Guerreiro por A lingua das bolboretas, de Sarabela, e Marta Alonso Tejada, por Bailar Agora

EspectáculoA lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro. 

Espectáculo infantil: Os nenos da varíola, de Pérez&Fernández.

Comentarios