Margarita Ledo, Amparanoia e João Nicolau, no día grande do Festival de Cans

A parroquia porriñesa tivo esta sexta feira a súa 'Noite das Homenaxes' coa entrega do Pedigree e os Chimpíns de Prata.
Margarita Ledo Andión, no centro, onte en Cans, O Porriño (Foto: Nós Diario)..
photo_camera Margarita Ledo Andión, no centro, onte en Cans, O Porriño (Foto: Nós Diario)..

O Festival de Cans (O Porriño) tivo esta sexta feira xornada de homenaxes cunha programación repleta de actividades, estrelas e moito agroglamour.

A protagonista desta cuarta xornada foi a cineasta Margarita Ledo que estivo na parroquia de Cans para manter un coloquio e colocar a súa estrela no paseo da fama do Torreiro. Premio Pedigree de Honra 2022, a escritora e investigadora asistiu tamén á proxección de Sinais Furtivos, a retrospectiva das súas pezas curtas, e recolleu o galardón na Noite das Homenaxes. 

Gala, ruta e concerto de Amparanoia

A xornada contou tamén cunha ruta literaria-cinéfila con Carlos Meixide, programa de radio desde o Torreiro e un coloquio cos actores Tamar Novas e Chechu Salgado, ademais de encontros cunha ducia de directoras e directores nas seccións paralelas A que andas? e Fillxs de Cans

A gala, presentada por Keka Losada, tivo lugar pola noite na Leira do Río, onde se fixo entrega dos premios Chimpín de Prata desta edición ao actor Federico Pérez, ao crítico cinematográfico e director Javier Tolentino e a Alfonso e Marisol, como parte da veciñanza desta parroquia porriñesa. Juan Zelada no Torreiro e Amparanoia e a sesión disco-chimpín de The incredible Peón Kurtz Dj foron o cartel musical. 

Retrospectiva de João Nicolau

A xornada tivo tamén como protagonista o director João Nicolau, un dos representantes máis destacados do novo cinema portugués, a quen se lle dedicou nesta XIX edición o foco internacional. Nicolau asistiu á proxección da retrospectiva das súas curtametraxes e, pola mañá, participou no Café coa Asociación de Directores e realizadores da Galiza (CREA), xunto á realizadora Noemí Chantada e o cineasta Fon Cortizo

Dous dos actores galegos do momento, Tamar Novas e Chechu Salgado, pasaron por Cans para participar no terceiro dos coloquios da Asociación de Actrices, Actores e Interpretes (AISGE).

O Festival levou tamén na súa programación as actividades paralelas do encontro A que andas?, coa colaboración da Asociación Galega de Guionistas, con Rafa de los Arcos, Noelia Muíño, Samuel Lema, Miguel Ángel Delgado, Olga Osorio e Javier Tolentino que avanzaron os seus próximos filmes. Por último, no apartado Fillas e Fillos de Cans, Andrea Vázquez, Álvaro Gago, Alberto Gracia, Fernando Cortizo, João Nicolau e Ángeles Huerta amosaron algúns minutos dos seus últimos filmes.

Comentarios