Monzón, Amparanoia e 'Rapa' de Jorge Coira, protagonistas no Festival de Cans

A cita cinéfila porriñesa sumará esta edición máis de 40 actividades.
Fotograma da serie Rapa, dirixida por Jorge Coira (Foto: Portocabo).
photo_camera Fotograma da serie Rapa, dirixida por Jorge Coira (Foto: Portocabo).

O Festival de Cans, no Porriño, presentou a súa XIX edición e desvelou algunhas das novidades deste ano. O evento, que terá lugar do 17 ao 21 de maio, suma unha xornada de introdución previa ao Día das Letras e retoma os desfiles de chimpíns e os concertos gratuítos en lugares emblemáticos como o Torreiro de Cans. O director do festival, Alfonso Pato, sinalou onte na presentación "como pratos fortes" o coloquio na leira co cineasta Daniel Monzón, o concerto de Amparanoia e a apertura do certame, co primeiro capítulo da serie Rapa de Jorge Coira.

Perto de 40 actividades

Durante 4 días, terán lugar perto de 40 actividades, desde proxeccións até rutas, máis dunha vintena de concertos, exposicións ou coloquios. Recupera, ademais das proxeccións en casas, baixos e cubertos da aldea, que aumentan a súa capacidade, ou o Invernadoiro de Mucha e Juan do Peso, a Noite Lasal dos videoclips que volve á praza do Concello do Porriño.

Ademais das obras a concurso, o Festival de Cans estreará Sinais Furtivos, unha retrospectiva das curtas de Margarita Ledo, que participará na proxección, algunhas, e que este ano recollerá o Premio Pedigree. Acompañarana na noite das homenaxes, Federico Pérez e Javier Tolentino, ademais dos veciños Alfonso González e Marisol Troncoso. 

As longametraxes Malencolía, de Alfonso Zarauza, Valentina, de Chelo Loureiro, e Un Blues para Teherán, de Javier Tolentino, son outras das proxeccións que se realizarán fóra da sección oficial e que contarán coa presenza dos realizadores. No caso de Javier Tolentino, tamén se verá no xurado de Furacáns e presentando o work in progress do seu novo filme Mar Rojo. Xunto a el, presentarán propostas Rafa de los Arcos, Noelia Muíño, Samuel Lema, Olga Osorio e Miguel Ángel Delgado.

Diálogos, coloquios e correspondencias

O director portugués João Nicolau, o mallorquino Daniel Monzón e os galegos Ignacio Vilar ou Alfonso Zarauza pasarán este ano tamén por Cans xunto a actores como Chechu Salgado e Tamar Novas ou as actrices Melania Cruz e Mabel Rivera. Tamén o farán realizadores e integrantes dos equipos das curtametraxes que participan na sección oficial desta edición.

Nicolau será o protagonista do foco internacional que inclúe a proxección previa ao certame das súas tres longametraxes no Centro Cultural do Porriño: A rosa e a espada, John From e Technoboss.

Comentarios