Lupe Gómez gaña o premio Manuel Lueiro Rey de poesía con 'Salón de té'

O galardón está dotado con 2.500 euros e a publicación da obra gañadora en Xerais.
A escritora Lupe Gómez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A escritora Lupe Gómez. (Foto: Nós Diario)

O Xurado do do XI Premio Manuel Lueiro de poesía do Concello de Fornelos de Montes resolveu esta sexta feira, 10 de febreiro, concederlle o galardón ao poemario presentado baixo o título Salón de té.

Luís Cochón, en calidade de presidente, xunto as vogais Mercedes Queixas, Miríam Ferradáns, Armando Requeixo e Carlos Da Aira, ademais de Carmen Carreiro, que actuou como secretaria con voz e sen voto, acordaron o premio por unanimidade.

Unha vez aberta a plica, o texto, que se impuxo a outros cincuenta traballos, resultou ser da autoría de Lupe Gomez Arto.

"Un traballo luminoso e evocador"

O xurado considera que o poemario Salón de té destaca polos "seus versos depurados e ben traballados, que nos conducen á beleza e á verdade dun mundo persoal máis tamén común e universal". En definitiva, "un traballo luminoso e evocador que recrea o personalísimo mundo da poeta de Fisteus".

Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972), revelouse a mediados dos anos noventa con Pornografía, un libro que "rompeu os corsés líricos e abriu unha exploración onde o sexo e a mística falan a mesma lingua", recolle a súa biografía en Chan da Pólvora, con quen editou Camuflaxe en 2017.

Desde mediados dos 90, con títulos como Fisteus era un mundo ou O útero dos cabalos, "a súa paixón literaria expandiuse a través de xéneros, soportes e idiomas, ata ser unha das autoras máis traducidas e admiradas do país".

Ademais é autora de Autora de libros como Azul e estranxeiraQuero bailarDiario dun barDiálogos imposíbeisA grafía dos mapas...

Outros galardóns

En 2019 Lupe Gómez foi a gañadora dos II Premios SELIC de creación literaria na modalidade de poesía coa obra Os caracois de Belvís.

Un ano máis tarde fíxose co VI certame poético Rosalía de Castro 2020 coa súa obra No encanto do aire.

En 2021 Montaña Ioga valeulle o XXI Premio Fiz Vergara Vilariño, e Muiñeira da Pinguela o Manuel Leiras Pulpeiro de poesía.

Comentarios